Estás en:Emprego Novas

Aberto o prazo de presentación de maquetas para XV Concurso Fran Pérez “Narf”

O prazo de presentación de traballos remata o 15 de xuño e o concurso contempla un primeiro premio de 4000 euros, un segundo de 2000 e un terceiro de 1500

Aberto o prazo de presentación de maquetas para XV Concurso Fran Pérez “Narf”

Desde hoxe e ata o 15 de xuño permanece aberto o prazo para que artistas e grupos musicais presentes traballos para o XV Concurso Fran Pérez "Narf", que convoca a Deputación da Coruña. Poderán participar calquera grupo ou artista musical galego ou residentes en concellos galegos, do ámbito da música pop e variantes (folk, rock, rap, reggae...), que non fosen premiados nos cinco anos naturais anteriores do concurso. O certame contempla un total de 7500 euros, cun primeiro premio de 4000, un segundo de 2000 e un terceiro de 1500.

Segundo se establece nas bases as persoas participantes non poderán formar parte de máis dun grupo dos que concursen. As e os artistas que se presenten individualmente tampouco poderán formar parte de grupo ningún. Cada grupo ou artista participará cun mínimo de catro temas orixinais (tanto na letra, como na música) e compostos polo grupo ou persoas que o compoñen ou pola artista ou polo artista, no caso de participaren individualmente; se hai máis de catro temas, deberán indicar os que sexan orixinais. A maqueta dos temas presentados terá unha duración máxima de 20 minutos.

O obxecto da convocatoria é difundir, apoiar e promover os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a obra do músico, compositor para espectáculos
musicais e teatrais e dinamizador cultural, que foi o cantante Fran Pérez "Narf".
Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala, Familia Caamagno ou Peña, entre outros. Na pasada edición resultaran gañadores os boirenses Mallou.

Tanto as solicitudes como o resto da tramitación da presente convocatoria realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X