Estás en:Emprego Novas

Aberto o prazo para presentar propostas ao II Certame ‘Fondo de proxetos culturais do Reino de Galicia’

Contempla un orzamento total de 200.000 euros, con 10.000 euros para cada un dos 20 proxectos premiados. O prazo de presentación remata o 25 de abril

O proxectos deberán versar sobre a historia, figuras, lugares e momentos do Reino Medieval de Galicia e permítese diversidade de soportes e formatos, desde audiovisuais, merchandising, espectáculos ao vivo, exposicións, intervencións de cultura urbana, ata libros ou discos

Aberto o prazo para presentar propostas ao II Certame ‘Fondo de proxetos culturais do Reino de Galicia’

Co obxectivo de contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galicia, e continuando coa iniciativa posta en marcha no pasado exercicio, a Área de Cultura da Deputación da Coruña vén abrir a convocatoria do II Certame 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia'.

O Fondo contempla un orzamento total 200.000 euros, con premios de 10.000 euros para cada un dos vinte proxectos que resulten seleccionados, e admitiranse todo tipo de soportes e formatos, como publicacións, discos, audiovisuais, congresos e xornadas, espectáculos ao vivo, exposicións, materiais de merchandising, murais e intervencións urbanas ou contidos lúdicos. O prazo de presentación de propostas rematará o 25 de abril.

En canto aos contidos, os proxectos referiranse á historia do Reino de Galicia como tal ou á aspectos particulares e vinculados directamente a este (figuras históricas, espazos, épocas, etc.). Poderán presentarse á convocatoria propostas que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de marzo de 2024. Non se admitirán aquelas que supoñan unha continuidade ou fases sucesivas de traballos xa premiados na edición de 2022. Tampouco poderán participar as persoas físicas ou xurídicas que fosen premiadas no ano 2022 noutros premios ou certames convocados polo Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes da Deputación.

Convén lembrar que a esta convocatoria se presentaran, na pasada edición, un total de 127 proxectos que incluían desde curtas de animación, xogos interactivos, xogos de mesa, intervencións urbanas, rutas físicas e virtuais, propostas escénicas, ensaios, antoloxías, albums ilustrados, discos e ata propostas para series de televisión. Fora precisamente con esta convocatoria coa que a área provincial de Cultura iniciara a súa liña de traballo centrada na posta en valor do Reino Medieval de Galicia e que continuara coa celebración do primeiro congreso internacional sobre esta materia. Ao igual que no pasado exercicio, nesta nova edición do 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia', unha vez se peche o prazo de presentación de solicitudes, será unha comisión de valoración a que se ocupe de valorar todas as propostas para seleccionar os 20 proxectos gañadores.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X