Estás en:Emprego Novas

A Deputación adxudica por 177.393 euros a construción dunha senda peonil entre Fornelos e a AC-430, en Zas

As obras comprenden a ampliación da vía e a colocación de varandas de protección para mellorar a seguridade dos viandantes

A Deputación adxudica por 177.393 euros a construción dunha senda peonil entre Fornelos e a AC-430, en Zas

A Deputación da Coruña adxudicou por 177.393 euros as obras de construción dunha senda peonil no Concello de Zas, na estrada DP-4001, que comunica o núcleo de Fornelos coa AC-430.

Trátase dunha zona residencial, cun gran número de vivendas unifamiliares, que na actualidade carece de beirarrrúas en varios tramos, polo que a obra contribuirá a mellorar a seguridade da veciñanza.

A obra dotará dunha senda peonil á estrada provincial e creará as oportunas canalizacións para as redes de servizos municipais de saneamento de augas residuais e alumeado público.

Os primeiro paso que se vai realizar serán os traballos de demolición previos á actuación. Posteriormente executarase un fresado do firme para formar unha explanada, ancheando o vial, e así despois poder colocar unha capa de xabre.

A continuación procederase a colocar preinstalación soterrada da rede de alumeado público, executarase un muro de contención e instalaranse as varandas de protección para os peóns que reafirmen a seguridade peonil. De seguido incluiranse os bordos de formigón que permitirán delimitar os accesos dos vehículos ás parcelas, separar a zona peonil e perimetrar os xardíns.

Por último, colocaranse as zonas de pavimentos, distribuiranse os sinais e pintaranse os pasos de peóns necesarios para mellorar a circulación e facilitar a seguridade viaria.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X