A Rede Cultural 2023 levará 1.220 espectáculos polos concellos da provincia
A institución provincial realiza neste exercicio un investimento no circuíto de algo máis de 1,5 millóns de euros
Entre a oferta cabe salientar propostas como as de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Mercedes Peón, Familia Caamagno, Chévere, Talía Teatro, Mofa & Befa, Magín Blanco, Mamá Cabra, Pakolas, Polo Correo do Vento e Mago Antón
A Rede Cultural da Deputación da Coruña 2023 programará durante este ano e o primeiro trimestre de 2024 un total de 1220 espectáculos, que chegarán a 91 concellos do territorio. A institución provincial realizará neste exercicio un investimento no circuíto de 1.512.576,18 euros.
Montaxes escénicas, audiovisuais, música, danza, ou maxia conforman a oferta que a Deputación cofinanciará cos concellos. Por programas, os 1.220 espectáculos distribúense do seguinte xeito:
- Escena ao vivo', programa de propostas profesionais de teatro, monicreques, maxia, danza e música para concellos: 860 espectáculos (491 de teatro, 257 concertos, 85 de maxia e 27 de danza).
- 'Visións', programa profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos: 81 filmes.
- 'Lingua a escena', programa de espectáculos profesionais de artes escénicas e música para concellos, especializado en contidos relacionados coa dinamización social da lingua galega: 149 actuacións.
- 'Alicerce', programa de grupos de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades: 131.
A Deputación asume o 75% do orzamento das actuacións da Rede Cultural en concellos de menos de 5000 habitantes, o 60% nos que teñen entre 5000 e 10.000, o 50% nos de entre 10.000 e 20.000, o 40% nos de entre 20.000 e 50.000 e finalmente un 30% nos que superan os 50.000.
No relativo á programación, a Rede Cultural 2023 inclúe concertos de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, De Vacas, Roi Casal, Cristian Leggiero & Paty Lesta, Mercedes Peón, Festicultores, Fillas de Cassandra ou Familia Caamagno.
As principais propostas da escena galega forman parte tamén do catálogo desta edición con espectáculos de obras teatrais e monólogos de Chévere, Talía Teatro, Mofa & Befa, Paula Carballeira, Soledad Felloza, Mago Antón ou as AldaoLado.
Ampla é tamén a oferta para as crianzas, nunha aposta por achegar a nenos e nenas aos espectáculos ao vivo contribuíndo á creación de novos públicos cunha oferta na que se inclúen Caramuxo Teatro, Magín Blanco, Mamá Cabra, Pakolas, Fantoches Baj ou Polo Correo do Vento.