Estás en:Emprego Novas

A Deputación licita por 364.000 euros as obras de mellora da seguridade e renovación de pavimentos no entorno do Concello de Culleredo  

As obras executaranse nas rúas do Concello e José Ramallo (DP 3109 e DP 1705), na contorna da Casa do Concello

Suporán a renovación de pavimentos e mobiliario urbano e a mellora da seguiridade, dando prioridade aos peóns

A Deputación licita por 364.000 euros as obras de mellora da seguridade e renovación de pavimentos no entorno do Concello de Culleredo   

A Deputación da Coruña publicou hoxe a licitación das obras de mellora da seguridade e renovación de pavimentos nas rúas do Concello e José Ramallo (DP 3109 e DP 1705), no entorno da Casa Consistorial de Culleredo.

As obras incluirán a dotación de novos pavimentos e mobiliario urbano, así como a mellora da seguridade, dando prioridade aos peóns.

O tramo de actuación ten unha superficie total de 3.500 metros cadrados, que contan con tramos de baldosa hidráulica que precisan ser renovadas debido ao seu estado de deterioro. Ademais, na zona non existe actualmente unha delimitación clara das zona de tránsito peonil e de estacionamento de vehículos.

As obras consistirán na demolición das actuais beirarrúas de baldosa e na construción dunha única plataforma de pedra e formigón desactivado, que propiciará unha notable mellora estética, unha mellor integración urbana e maior accesibilidade peonil, humanizando a zona.

A intervención prevista non supón unha intervención de carácter illado, senón que no futuro terá continuidade nas rúas adxacentes, completando un espazo no que o peón recupere protagonismo sobre o tráfico rodado.

A calzada será sobreelevada con respecto á actual e a diferenza de cota entre calzada e beirarrúas será de tres centímetros co obxecto de mellorar a accesibilidade.

As obras inclúen tamén a renovación e adecuación ás necesidades actuais dos servizos municipais afectados: a rede de recollida de pluviais, a de saneamento e a de alumeado público.

Tamén se inclúe no proxecto a mellora da praciña do entorno do lavadoiro municipal, onde se instalarán bancos de formigón e madeira, papeleiras, pilonas de aceiro e aparcabicicletas, así como a plantación dun carballo con cubrición de alcorque.

O prazo de presentación de ofertas remata o 22 de maio.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X