Estás en:Emprego Novas

Os retos na xestión de bens patrimoniais centran as Xornadas sobre Patrimonio da Deputación

Na primeira sesión, que tivo lugar no Muncyt da Coruña, participou o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, quen indicou que "o patrimonio material e inmaterial ten que constituír un recurso que transcenda o ámbito puramente patrimonial para converterse nun eixo integrador nos eidos sociais, turísticos e económicos"

Os retos na xestión de bens patrimoniais centran as Xornadas sobre Patrimonio da Deputación

"O patrimonio material e inmaterial ten que constituír un recurso que transcenda o ámbito puramente patrimonial para converterse nun eixo integrador nos eidos sociais, turísticos e económicos, sempre dende o respecto, a integración e a posta en valor e protección do territorio no cal están os elementos patrimoniais". Esta foi a idea principal que o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, trasladou na súa intervención de apertura das xornadas científicas "Conservar e avanzar" que deron comezo onte pola tarde no Muncyt.

Trátase das xornadas sobre Patrimonio que organiza a Deputación no marco do programa de xornadas científicas que vén celebrando, sobre distintas cuestións de actualidade, nos últimos anos, co obxecto de, en palabras de Xosé Lois Penas "darlle sentido a unha necesidade colectiva de achegar a ciencia, a cultura e o patrimonio en calquera das súas formas ao público en xeral".

As xornadas 'Conservar e avanzar' céntranse nos retos na xestión dos bens patrimoniais para o século XXI, os usos das identidades nas paisaxes culturais ou as perspectivas sociolóxicas e educativas sobre o patrimonio. As palestras estanse realizando na sede coruñesa do MUNCYT, no dolmen de Dombate e no Castelo de Vimianzo. O programa tamén inclúe visitas guiadas a eses tres espazos.

Na xornada do xoves, participaron Yamilé Pérez Guilarte, da Universidade da Coruña, que falou sobre "Perspectivas sociolóxicas e educativas sobre o patrimonio: unha revisión necesaria para unha educación patrimonial crítica"; e Manuel Mosquera, do Museo de Belas Artes da Coruña, cun relatorio titulado "Do obxecto ao social, do social ao obxecto. Novas perspectivas sobre o museo". A sesión tamén incluíu unha mesa redonda sobre "Os retos da xestión do patrimonio para o século XXI".

Para a xornada desta tarde, tamén no Muncyt, está previsto un relatorio de Marta Somoza sobre "Usos e identidades nas paisaxes culturais. Entrelazando valores dende o planeamento e programación"; e unha charla a cargo de representantes de RVR Estudo de Arquitectura sobre "Reflexións sobre algunhas intervencións arquitectónicas no patrimonio cultural. Dende o Castro de Baroña ao Castro de Elviña, pasando polo cabo de Fisterra". A sesión rematará cunha visita guiada ao Muncyt.

O programa do sábado terá lugar no Dolmen de Dombate e no Castelo de Vimianzo e inclúe un relatorio de Jorge Sanjurjo Sánchez, da Universidade da Coruña, sobre "Técnicas de laboratorio no estudo datacional do patrimonio. Casos concretos"; continuará cunha charla de Leo González, técnico de proxectos Trivium, sobre "As técnicas informáticas ao servizo da divulgación patrimonial"; e seguiralle Cristina Castellà Figuera, do Consorci Patrimoni Mundial de La Vall de Boí, falando da "Xestión do conxunto románico de La Vall de Boí". Tamén se inclúe unha visita ao Dolmen de Dombate a última hora da mañá e outra ao Castelo de Vimianzo a primeira hora da tarde.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X