Estás en:Emprego Novas

A Deputación aproba iniciar as expropiacións para a construción dunha senda peonil na estrada de Rianxo a Burés por Asados

As obras, cun investimento de 169.614 euros, permitirán construír unha senda paralela á estrada, na súa marxe dereita, dando da continuidade aos tramos existentes

A Deputación aproba iniciar as expropiacións para a construción dunha senda peonil na estrada de Rianxo a Burés por Asados

A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado este venres, 28 de abril, o inicio dos trámites das expropiacións previas á execución dunha senda peonil na estrada provincial DP-7202 de Rianxo a Burés, pasando por Asados, no Concello de Rianxo.

As obras, cun orzamento previsto de 169.614 euros, consistirán na execución dunha senda peonil paralela á estrada, na súa marxe dereita que da continuidade ás existentes para unir cos tramos xa existentes.

Para iso proxéctase a construción dunha senda elevada, cun ancho medio de dous metros, que se vai realizar mediante unha excavación con saneo nunha profundidade media de 1 metro, colocarase un recheo con material seleccionado de préstamos e un espesor de 70 cm, xabre artificial en 30 cm e pavimento con baldosa hidráulica sobre unha base de formigón e un bordo de 10 cm de espesor por encima.

Para a drenaxe das augas pluviais contémplase a construción dunha rede de tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro que discorrerá por debaixo da senda. Para a captación das augas colocaranse sumidoiros cada 25 metros, aproximadamente. Nesta mesma distancia colocaranse os diferentes pozos de rexistro.

Como resultado das afeccións previstas na execución de dita obra, será necesaria a substitución tanto do tramo da rede de abastecemento existente como dos puntos de luz para a iluminación pública, así como do cableado e os elementos necesarios para o seu correcto funcionamento.

Por último, inclúense no proxecto as unidades necesarias de sinalización horizontal e vertical, de acordo coas necesidades e características do tramo no que se realizará a actuación.

O prazo de execución é de catro meses a partir do inicio das obras.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X