Estás en:Emprego Novas

A Deputación convoca o XV Premio Andrés Gaos de composición musical

Dotado con 6500 euros para a obra gañadora, o prazo de admisión de orixinais rematará o 30 de xuño

A Deputación convoca o XV Premio Andrés Gaos de composición musical

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de abrir a convocatoria do XV Premio Andrés Gaos de composición musical, un certame bianual que quere recoñecer o nome do músico e compositor coruñés e acrecentar a gran tradición musical da provincia e do país. Dotado con 6500 euros para a obra gañadora, o prazo de admisión de orixinais rematará o 30 de xuño.

Poderán participar todas aquelas persoas que non obtivesen o premio nos cinco anos anteriores e que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade en ningún outro premio ou certame. O modelo orquestral máximo para a execución das obras —recoméndase que teñan unha duración de entre 10 e 20 minutos— será o seguinte: 2 frautas, 2 oboes, 2 clarinetes, 2 fagots, 4 trompas, 2 trompetas, 2 trombóns, 2 percusionistas, 8 violíns primeiros, 8 violíns segundos, 6 violas, 6 violonchelos e 4 contrabaixos.

Admitiranse estes instrumentos de vento de madeira (tamén como instrumento auxiliar): frauta, frautín, frauta contralto, oboe, corno inglés, clarinete, clarinete baixo, fagot, contrafagot. Así mesmo, é posible unha distribución de só cordas.

As obras presentaranse, preferentemente, en soporte dixital USB/CD, e xunto coa plica serán enviados á Deputación da Coruña, Avda. Porto da Coruña 2, 15003 A Coruña, indicando no sobre "XV Premio "Andrés Gaos" de Composición Musical".

Ramón Humet Cordech, coa obra "In the distance", en 2021; Álvaro Núñez Carbullanca, con "Vía", en 2019; Manuel Martínez Burgos, con "Daivat", en 2017; Eduardo Lorenzo Prieto, con "Liquid Image", en 2015; e Xavier Pagés i Corella, con "Desde el fondo del espejo", en 2013, foron os gañadores nas últimas cinco edicións.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X