Estás en:Emprego Novas

O prazo do concurso "Palabras de amor: #140enpositivo" remata o 17 de maio

Convocado pola Biblioteca provincial, o certame premiará mensaxes de ata 280 caracteres que promovan o pensamento positivo, motivador ou de apoio a diferentes causas

Establécense tres categorías: para persoas de máis de 18 anos, para persoas de entre 12 a 17 anos para persoas de entre 7 a 11 anos

Os traballos presentados expoñeranse na Biblioteca e difundiranse nas súas redes sociais e tamén nas da Deputación da Coruña

O prazo do concurso

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas remata o prazo para presentar traballos ao concurso "Palabras de amor: #140enpositivo", convocado pola Biblioteca da Deputación e que este ano chega á súa 11ª edición. O certame quere espertar a imaxinación dos lectores e lectoras, animar a compartir as súas creacións, dinamizar a Biblioteca e facer partícipes a todas as bibliotecas municipais da provincia, e para iso premiará mensaxes positivas que impulsen e melloren o día a día das persoas a través de palabras de ánimo e apoio.

As mensaxes, ata un máximo de tres por participante, en galego ou en castelán, escritas a man ou en ordenador, terán unha extensión de 280 caracteres, espazos incluídos.

Establécense tres categorías:

  1. Categoría 1: para autores e autoras maiores de 18 anos.
  2. Categoría 2: entre 12 a 17 anos.
  3. Categoría 3: entre 7 a 11 anos.

O certame outorgará os seguintes premios:

  • Nas categorías 1 e 2: un libro electrónico, para o primeiro premio; unha tarxeta regalo para a compra de libros valorada en 75 €, para o segundo premio; e un lote de produtos promocionais da biblioteca provincial, para o terceiro premio.
  • Na categoría 3, un lote de produtos de escritura e traballos manuais por valor de 75 €, para o primeiro premio; unha tarxeta regalo para a compra de libros valorada en 50 €, para o segundo premio; e un lote de produtos promocionais da biblioteca para o terceiro premio.
  • Todos e todas as participantes recibirán, ademais, un pequeno agasallo da biblioteca.

Os traballos deben presentarse dun dos dous seguintes xeitos:

  • Enviando un correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal co asunto #140enpositivo, e especificando a mensaxe e os datos persoais da autoría (nome e apelidos, enderezo postal e número de teléfono) e en que categoría participan.
  • Escribindo as mensaxes nos modelos en papel dispoñibles na Sección Infantil e Xuvenil da Biblioteca ou no Servizo de Información, e deixándoas nas caixas de correo habilitados nesas salas.

Finalizado o prazo de participación, anunciaranse os premiados e premiadas na páxina web da biblioteca, fisicamente na propia biblioteca provincial, e nas súas redes sociais: Facebook, Twitter e Instagram. Os traballos presentados expoñeranse na biblioteca e difundiranse nas súas redes sociais e tamén nas da Deputación da Coruña.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X