Estás en:Emprego Novas

A Deputación destina 1.100.000 euros aos programas de apoio a festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas

O prazo para que concellos e entidades sen fin de lucro presentan propostas rematará o 7 de xuño

A Deputación destina 1.100.000 euros aos programas de apoio a festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases reguladoras dos programas FO221/2023 e FO223/2023 de subvencións da Deputación da Coruña a concellos e a entidades sen ánimo de lucro para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, festivais musicais e de artes escénicas, e festivais mixtos e singulares na provincia da Coruña durante o ano 2023. A institución provincial realizará un investimentos de 1.100.000 euros, 550.000 por programa. A axudas a conceder oscilarán entre un mínimo de 3.000 € e un máximo de 75.000 €, no caso dos concellos, e entre 3.000 € e un máximo de 50.000 €, no caso das asociacións sen fin de lucro. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 7 de xuño.

O obxecto desta convocatoria son os festivais audiovisuais, musicais, escénicos que se celebren na provincia da Coruña, entendendo por festivais aqueles eventos culturais con identificación e marca propia e recoñecible, programación diversa que aglutine diferentes propostas artísticas, organizado periodicamente, con data de celebración consolidada e orientada á consecución de públicos amplos ao redor dunha proposta de contidos coherente e definida.

O ámbito dos festivais é un dos campos que, no cuantitativo e no cualitativo, máis está a centrar as políticas de fomento da área de Cultura da Deputación da Coruña nos últimos anos, atendendo de forma específica a súa realidade, con liñas de subvencións específicas, criterios claros e transparentes e permanente diálogo coas entidades interlocutoras dos diferentes sectores. Este apoio permitiu que, en catro anos, as cantidades económicas que reciben moitos dos festivais por parte da Deputación se duplicasen ou triplicasen, contribuíndo de forma clara á mellora da calidade das programacións e, sobre todo, á mellora das condicións sociolaborais e organizativas dos eventos subvencionados.

Tanto as solicitudes como o resto da tramitación da presente convocatoria, realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X