Estás en:Emprego Novas

Sara Fraga Pérez

#AVoltaÁProvinciaEn52Autoras

Sara Fraga Pérez

Cabanas: memoria dun século

Sara Fraga Pérez é unha historiadora e xestora cultural nada en Betanzos.

Graduada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e Mestrado en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte da mesma Universidade. Profesionalmente vencellada aos museos e ao patrimonio cultural, tamén investiga nos campos da historia social, da historia de xénero e das cuestións relacionadas ca indumentaria. Toma parte na Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo, e colabora na asociación estudantil Entre Clío y Euterpe: Arte y poder, que agrupa a novos investigadores nos campos da arte e o poder.

Participou, a través da Sociedade Coop. Galega Rexenerando, do proxecto Memoria dun século, apoiado pola Deputación da Coruña, materializandose en diversas publicacións. Trátase dun programa de historia oral e saúde comunitaria dirixido a persoas maiores, que ten como obxectivo elaborar o relato de cen anos de historia dunha parroquia, ao tempo que se xera un espazo de cohesión social e se traballa coa memoria individual. Nalgunhas edicións, o relato é compartido nunha publicación.

Libros:

  • Cabanas : memoria dun século, 2022. [LDC/72]. En dixital aquí
  • Laraxe : memoria dun século, 2022. [LDC/73] . En dixital aquí
  • Santa Cruz : memoria dun século, 2022. [LDC/74]. En dixital aquí.

Artigos:

A autora por ela mesma:

Penso que se hai unha frase que define a miña traxectoria profesional é "A vida vaite levando". Dende nena vivín o meu tempo de lecer en ambientes interxeracionais: a Escola Municipal de Folclore de Betanzos ou a Asociación de Veciños de Xanrozo. Penso que o meu maior logro, ou cando menos o que agora considero que foi máis determinante, foi o premio que acadei en 6º de educación primaria nun concurso de poesía sobre Nadal na escola.
Pregunteille ás miñas veciñas no centro social se sabían algún canto de reis e Lola da Graña cantoume un que escoitaba ela de nova en Xanrozo. Botando a vista atrás, decateime de que iso era ao que me quería dedicar: a conectar as distintas xeracións e a traballar de xeito significativo co patrimonio cultural.
Escollín estudar a carreira de Historia porque desfrutei escribindo o exame de selectividade.
Estudando o mestrado de xestión do patrimonio artístico e arquitectónico, museos e mercado da arte, adentreime no mundo da educación patrimonial. Así, dende que rematei os meus estudos veño realizando proxectos, tanto como parte de equipas en administracións públicas, empresas privadas e asociacións sen ánimo de lucro.
Así, tanto no meu labor profesional coma no que desenvolvo sen ánimo de lucro, procuro entretecer patrimonio, arte, tradición, e creación colectiva.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X