Estás en:Emprego Novas

Deputación e Concello de Santiago asinan o convenio para financiar programación do Auditorio de Galicia

A institución provincial destina un total de 200.000 euros para levar a cabo unha programación que inclúe a Semana do patrimonio invisible, as Xornadas de Ilustración Urbana, o Ciclo de Lied ou o Festival C

Deputación e Concello de Santiago asinan o convenio para financiar programación do Auditorio de Galicia

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, e a concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre ambas institucións para financiar parte do programa de actividades que o Auditorio de Galicia está a realizar durante o presente exercicio.

En virtude deste convenio de colaboración, financiaranse ciclos e programas de actividades culturais nos ámbitos da música, ópera, teatro, xornadas e exposicións. A relación inclúe a Semana do patrimonio invisible, programa enofocado á recuperación do patrimonio invisibilizado que, como elemento nuclear, conta con visitas a lugares patrimoniais que normalmente non están accesibles ao público; así como as Xornadas de ilustración urbana, que forman parte do programa Compostela Ilustrada, concibidas para divulgar da arte do debuxo e da banda deseñada no contexto da cidade compostelá.

No eido da música, o convenio implica o apoio ao Programa de abono clásico, unha programación deseñada por Paul Daniel baixo o título "'Escoitar o mundo" e que inclúe 25 concertos; e o apoio á Real Filharmonía de Galicia, nomeadamente á súa actividade didáctica con centros escolares e con concertos para público familiar. Tamén se inclúe o Ciclo de Lied, en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago que este ano chega á súa 25 edición; e as Xornadas de música contemporánea, que promoven e difunden as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea, poñéndoas en valor ao carón dos xa considerados clásicos do século XX.

Outras actividades incluídas na relación de programas son a Gala aRi(t)mar, o proxecto didáctico-cultural que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galegoportuguesas actuais; o programa Artes escénicas e de movemento; e o Festival C.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X