Estás en:Emprego Novas

Valentina Formoso Gosende

#AVoltaÁProvinciaEn52Autoras

Valentina Formoso Gosende

Obra

Valentina Formoso Gosende, nada en Riba de Mar (Tarás, Outes), é unha activista na normalización lingüística do noso idoma.


Licenciouse en Filoloxía galego-portuguesa e hispánica. É doutora coa tese "A lingua galega no ámbito empresarial: usos e representación sociolingüísticas". Tamén é profesora de ensino secundario.

Como activista na normalización do galego creou e dirixiu o departamento de normalización lingüística da Confederación de Empresarios de Galicia, participou e dirixiu Equipos de normalización lingüística de centros de ensino e a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

Obra

Do estigma á estima : Propostas para un novo discurso lingüístico (Edicións Xerais. 2013) [GAL/16866]

Valentina Formoso, pregúntase neste libro cal é o motivo que leva a que pasados trinta anos da aprobación da Lei de normalización lingüística se sigan a oír, da boca dos falantes, afirmacións moi negativas arredor da lingua propia. E ademais de responder a esta cuestión, ofrece tamén alternativas co obxectivo de mudar a situación e de que se free a tendencia desgaleguizadora de hai décadas.

Esta obra baséase en grupos de discusión con mozos e mozas de educación secundaria de distintos contextos galegofalantes que, debido ás actitudes que posúen cara ao seu propio idioma e ás normas de uso social que teñen interiorizadas, mudan do galego ao castelán en determinadas situacións e mesmo abandonan a súa lingua definitivamente.

Cun estilo áxil e manexando argumentos rigorosos, a autora considera que cómpre mudar o imaxinario social do galego para que as persoas galegofalantes decidan conservar a lingua propia. Neste sentido, propón reformular as perspectivas de actuación no ensino, así como certos enfoques na planificación, promoción e normalización do galego, e recolle varias propostas sobre novos discursos e estratexias.

Outras achegas

Intervención na Xornada "Educación plurilingüeː Situación en Galicia. Relatorio Do marco ás aulas.

Ficha da autora no catálogo de Xerais.

Web serie "Aquí medra a lingua" (1x03): Os activistas da lingua no IES Félix Muriel de Rianxo. 



Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X