A Feira do Libro da Coruña abre as súas portas con máis dun centenar de autores e unha vintena de librerías
A Feira do Libro da Coruña abriu as súas portas este martes co pregón da poeta Doures Tembrás. Durante dez días, máis dun centenar de autores, sete editoriais e máis dunha vintena de librarías participan neste evento, que conta con 32 casetas e dúas carpas para actividades.
No seu discurso, Tembrás fixo fincapé "no poder da cultura e tamén na súa fraxilidade" e destacou a "urxencia imperiosa de coidala". "A cultura precisa compromiso e a súa falta embaza esta celebración", lamentou.
No acto participou tamén a deputada Avia Veira que destacou que a feira do libro da Coruña é a maior de Galicia. "O libro é un sector esencial dentro do dereito á cultura e precisa financiamento, apoio e sensibilidade", sinalou.
Tamén participou neste acto de apertura a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que resaltou que a Feira do Libro da cidade herculina é "un dos eventos máis importantes da literatura en Galicia" por achegar á cidade "o maior talento literario do momento".
Na inauguración, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, sinalou que a cultura en Galicia atópase "nun bo momento" desde a perspectiva do consumo e produción de industrias culturais.
"O ano pasado en comparativa con 2021, o incremento na edición de libros en galego foi superior ao 8% e as vendas creceron case un 6%", puntualizou, tras lembrar que Galicia é a comunidade autónoma con "maior número de librarías por habitante".
Doutra banda, o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, destacou desta edición número 52 a súa programación "ampla, variada e de calidade" e fixo un chamamento "a todas e cada unha das administracións" a facer unha reflexión "sobre a necesidade de dar estabilidade e continuidade" a este tipo de feiras.
A Feira do Libro da Coruña combinará firmas de exemplares, presentacións, mesas redondas e actividades para toda a familia en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,30 a 21,30.