A Deputación da Coruña entrega dous vehículos para entidades sociais da provincia
Agalure e a ONG Mestura contan con novos vehículos cedidos pola institución provincial
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a deputada de Política Social, María del Mar García Vidal, e o deputado Bernardo Fernández entregaron hoxe dous novos vehículos a dúas entidades sociais da provincia: Agalure, que traballa na rehabiltación de persoas adictas ao xogo e outras adiccións sen substancia, e a ONG Mestura para a integración de persoas migrantes.
A Deputación destinou arredor de 22.000 € para a adquisición de cada un destes vehículos, "que son unha demanda importante deste tipo de entidades sociais, xa que permiten o transporte diario dos seus usuarios e usuarias aos centros nos que realizan diferentes terapias e actividades", explicou o presidente Valentín González Formoso.
A deputada María del Mar García sinalou tamén o importante labor que estes transportes desenvolven, especialmente en zonas rurais, para o transporte de persoas usuarias dos centros sociais da provincia e subliñou que a concesión realizouse en réxime de concorrencia competitiva entre as entidades sociais da provincia que o solicitan, tendo en conta para a puntuación criterios obxectivos como a antigüedade da entidade, ou o número de usuarios.
Nesta última convocatoria, a Deputación entregará un total de oito vehículos, parte deles adaptados para o transporte de persoas con discapacidade, a outras tantas entidades sociais da provincia.