Estás en:Emprego Novas

Berio Molina gaña o XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo da Deputación coa súa obra ‘erre melón’

Na peza investiga sobre a linguaxe e os problemas de comunicación no mundo actual

O xurado escolleu ao artista, ao que se lle outorga un premio de 6.500 euros, por unanimidade

Berio Molina gaña o XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo da Deputación coa súa obra ‘erre melón’

Xurado do Certame

O artista Berio Molina Quiroga (Fonsagrada, 1979) é o gañador do XVIII Certame de Arte 'Isaac Díaz Pardo' da Deputación da Coruña coa súa obra 'erre melón'.

O xurado, composto por Natividad González, deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Elena Bangueses, Xosé Manuel Buxán, Ánxela Caramés, María Dolores Dopico e Manuel Ignacio Martínez, escolleu por unanimidade a obra do artista lucense de entre as finalistas, que foran seleccionadas do total das presentadas a esta nova edición do certame de arte.

Trátase dunha peza en vídeo na que se investiga sobre a linguaxe e os problemas de comunicación no mundo actual, introducíndose nos procesos de aprendizaxe da linguaxe e da incapacidade da sociedade para dar cabida ás formas de comunicación que se sitúan fóra do normativizado.

O tribunal destacou o traballo dun "creador único no panorama galego e tamén do estado español" e salientou a súa "coherencia, singularidade e capacidade de adaptación" á hora de traballar en diferentes contextos e procesos. Mostra disto é a súa implicación en numerosos colectivos e grupos, así como as múltiples colaboracións que realizou con artistas de distintos campos.

Obras para adquisición

O xurado propuxo, ademais, a compra dunha serie de obras por valor de 25.000 euros.

Entre elas, atópanse 'Autorretrato', de Enrique José Lista; 'Man under the shade', de Damián Uceda; '#3 Da serie Himno', de Juan Luís López; 'Escrito en las hojas, 11', de Verónica Vicente; 'Testigos de confianza', de Rebeca López; 'Historioporosis', de María José Fernández; 'Non só animal', de Alejandra Pombo; 'Grafito sobre papel (II)', de María Cillas; 'Horizonte', de Juan José Lesta; 'Pulsaciones II', de Ana Isabel Gesto; e 'Banle, paisaxe tipográfico', de Andrés López.

Por último, tamén propuxo a inclusión de 17 obras na exposición itinerante do Certame.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X