Estás en:Emprego Novas

A Deputación apoia o proxecto ‘Galicia Remota’ do Concello de Carnota para captar nómades dixitais

A iniciativa, que se desenvolverá no municipio do 8 ao 30 de outubro, busca facer do rural un polo de atracción de traballadores remotos

O pleno aprobou tamén o convenio para a instalación de novo alumeado no campo de fútbol de Lombáns

A Deputación apoia o proxecto ‘Galicia Remota’ do Concello de Carnota para captar nómades dixitais

A Deputación da Coruña aprobou, por unanimidade, no pleno celebrado este venres, 15 de setembro, unha subvención nominativa para o financiamento do proxecto piloto 'Galicia Remota', en colaboración co Concello de Carnota. Con esta iniciativa búscase crear un novo modelo de turismo, innovación e sustentabilidade para facer do rural un polo de atracción de persoas que poidan desenvolver o seu labor profesional en teletraballo desde calquera lugar do mundo.

O ente provincial contribuirá ao financiamento da actividade cunha achega de 24.000 euros, o 80 % do orzamento total, que ascende a 30.000 euros.

'Galicia Remota' pretende ser un novo modelo de turismo no que as persoas traballadoras en liña vexan unha oportunidade na que vivir experiencias únicas de crecemento persoal e profesional e descubran novos lugares ao mesmo tempo que desenvolven o seu traballo en liña.

"O obxectivo da iniciativa é contribuír a frear o despoboamento do rural e convertelo nun lugar de emprendemento, amosando con proxectos coma este que é posible traballar en remoto desde o rural cunha maior calidade de vida e sen o trafego cotián das grandes cidades", explicou o presidente, Valentín González Formoso, que subliñou que a creación de actividade e emprego no rural e a loita contra o despoboamento é un dos eixos estratéxicos da acción política do goberno provincial coruñés.

12 nómades dixitais participarán no proxecto durante o mes de outubro

Un grupo de 12 nómades dixitais internacionais poderán vivir durante tres semanas, do 8 ao 30 de outubro, no rural do municipio e axudar a motivar o tecido emprendedor local. Abordaranse, así, distintos problemas locais como: a escasa iniciativa empresarial, a presenza de negocios con pouco valor engadido e o turismo estacional e de baixa calidade.

Durante a súa estadía, as persoas participantes desta primeira experiencia, realizarán distintas actividades como: obradoiros con artesáns, visitas guiadas de aprendizaxe, visitas culturais, coloquios específicos sobre emprendemento, etc.

Co apoio a este proxecto do Concello de Carnota, a Deputación mostra, unha vez máis, o seu compromiso coa loita contra a despoboación do rural e co impulso do desenvolvemento económico e social da provincia.

Novo alumeado para o campo de fútbol de Lombáns

O pleno aprobou tamén, por unanimidade, o convenio entre a Deputación e o Concello de Carnota para financiar con 115.000 euros as obras de mellora de eficiencia enerxética do campo de fútbol de Lombáns. A Deputación achegará o 80% do investimento (92.000 euros)

O proxecto inclúe a renovación das luminarias existentes, substituíndo a tecnoloxía actual por equipos LED para mellorar a eficiencia enerxética da instalación, localizada no lugar de Capelán, na parroquia de San Mamede.

En concreto, na actuación enmárcase a substitución dos proxectores que iluminan o terreo de xogo; o tendido de novas redes de terra para acompañar a liña subterránea de alimentación aos proxectores; a adecuación da instalación de iluminación e forza interior e a realización de novos cadros de mando.

Con estes traballos búscase mellorar as condicións enerxéticas do lugar, acadando unha maior visibilidade á vez que se consegue unha maior eficiencia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X