A Deputación financiará a transformación da Lonxa Vella de Camariñas no Museo dos Naufraxios
Valentín González Formoso reuniuse coa alcaldesa, Sandra Insua, para concretar o compromiso adquirido de converter o edificio nun espazo expositivo
O Museo dos Naufraxios, que será o primeiro de Galicia con esta temática, tamén permitirá albergar conferencias ou cursos formativos do sector do mar
A Deputación da Coruña destinará preto de 500.000 euros para financiar o proxecto do Concello de Camariñas para a transformación do antigo edificio da Lonxa Vella, que actualmente está baleiro e en estado ruinoso, no Museo dos Naufraxios.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuniuse coa alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, para concretar o compromiso adquirido por parte da institución provincial de colaborar economicamente con este ambicioso proxecto, que permitirá crear o primeiro museo de Galicia con esta temática.
A actuación consistirá na reforma exterior e interior do edificio, que xa é de titularidade municipal. Tras a reforma o Concello acometerá os traballos de musealización do edificio, que tamén contará cunha zona destinada a albergar conferencias ou cursos formativos dirixidos aos traballadores e traballadoras do sector do mar.
Valentín González Formoso destacou que "a riqueza e o patrimonio que alberga o litoral galego en xeral, e a Costa da Morte en particular, merecen dun espazo como este, que o poña en valor, que nos recorde a nosa historia, a recente e a pasada".
Pola súa parte, Sandra Insua, agradeceu o apoio da Deputación "para crear un espazo expositivo de referencia para a comarca da Costa da Morte e, ademais, darlle unha nova vida a un edificio que se atopa en estado ruinoso e que así volverá a ser útil"
Sandra Insua agradeceu o apoio da Deputación "xa que, despois de que conseguiramos a cesión do edificio da Lonxa Vella, o financiamento é imprescindible para poder acometer este proxecto para darlle utilidade e poñer en valor parte da historia de Camariñas, que estea en bo estado e que volva ser útil".