Estás en:Emprego Novas

A Deputación celebrará en Santa Comba o Día Internacional da Muller Rural

Formoso anuncia que Santa Comba acollerá o 21 de outubro o acto, no que Deputación e Fademur prevén congregar a máis de 600 mulleres dos concellos rurais da provincia

O acto pretende "recoñecer públicamente o importante papel das mulleres no rural galego"

O presidente realizou hoxe unha visita ao municipio onde supervisou distintas obras xunto co alcalde, Alberto Romar, e destacou a importancia do Plan Único para mellorar as infraestructuras e servizos dos concellos

A Deputación celebrará en Santa Comba o Día Internacional da Muller Rural

O Concello de Santa Comba acollerá o vindeiro 21 de outubro o tradicional acto do Día da Muller Rural que a Deputación da Coruña, en colaboración con Fademur Galicia, organiza anualmente nun municipio da provincia e que congrega a máis de 600 mulleres de todos os municipios rurais da provincia da Coruña.

Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, na visita institucional que realizou ao municipio e na que estivo acompañado do alcalde, Alberto Romar, das deputadas de Política Social e Educación, Mar García Vidal, e de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, e de varias concelleiras e concelleiros do goberno municipal.

Formoso e Romar participaron nun encontro coa asociación de mulleres rurais Céltigas ás que anunciaron que Santa Comba será este ano o concello anfitrión da celebración do Día da Muller Rural, un acto co que a Deputación da Coruña pretende "facer visible e recoñecer publicamente o importante papel das mulleres no rural galego", explicou o presidente.

Formoso remarcou que se trata dun evento "reivindicativo e festivo, que cada ano reúne a centos de mulleres do rural de toda a provincia, no que facemos unha homenaxe á traxectoria daquelas mulleres e entidades que destacan polo seu compromiso co rural, a súa aposta pola cultura, a igualdade ou a posta en valor dos produtos autótoctonos de Galicia" e sinalou que "ningún lugar mellor que Santa Comba para celebralo pola tradición agrogandeira do municipio e desta comarca, na que se concentran o maior número de explotacións da provincia".

O alcalde Alberto Romar agradeceu que a Deputación elixira Santa Comba para conmemorar o Día da Muller Rural 2023 e subliñou o importante papel que, ao longo da historia, veñen desenvolvendo as mulleres de Santa Comba na economía familiar e na dinamización do rural.

Romar avanzou que o Concello de Santa Comba porá ao dispor da Deputación o Recinto Feiral do municipio para acoller o evento, que contará tamén con conferencias e mesas redondas sobre a contribución feminina ao desenvolvemento do rural e un xantar popular amenizado con música.

O presidente e o alcalde visitaron tamén a capela da virxe da Merced, rehabilitada pola asociación de mulleres coa colaboración da veciñanza e interesáronse polas distintas actividades e proxectos que desenvolve a entidade.

O Plan único da Deputación supuxo 60 obras e 10 millóns de investimento en Santa Comba

Durante a mañá, Formoso e Romar abordaron distintos proxectos nos que o goberno municipal de Santa Comba conta co apoio da Deputación e supervisaron algunhas das obras financiadas pola institución provincial no municipio, entre elas a renovación da pavimentación de diferentes vías municipais en Alón e Alón de Abaixo, unhas obras financiadas con cargo ao Plan único, que supuxeron un investimento de 300.000 euros para renovar o firme destas estradas que dan acceso a numerosas vivendas e explotacións agropecuarias.

Formoso destacou a contribución do Plan único á mellora das infraestruturas e servizos dos municipios da provincia. "O Plan único da Deputación da Coruña supuxo multiplicar por catro o investimento da Deputación nos concellos. Pasamos dun Plan de obras e servizos de 25 millóns anuais a entre 90 e 100 millóns nos últimos anos", explicou o presidente provincial, que destacou que este cambio "supuxo un importante impulso para a mellora e creación de novas infraestruturas municipais en concellos como Santa Comba".

Formoso explicou que, desde a súa creación en 2017, o POS+ leva investido máis de 10 millóns de euros en Santa Comba, dos que máis de 9 millóns foron destinados á financiar 60 obras e preto de 400.000 euros a gasto social".

Pavimentación de estradas e camiños no rural, renovación das redes de saneamento e abastecemento de augas, reforma de instalacións deportivas coma o campo de fútbol e as pistas de pádel ou equipamento da brigada de obras municipal foron algunhas destas actuacións que contribúen a mellorar os servizos e infraestruturas municipais das que goza a veciñanza de Santa Comba.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X