Estás en:Emprego Novas

A Deputación presenta a programación cultural de outono da Biblioteca Provincial

Inclúe actividades para persoas adultas como obradoiros de literatura ou clubs de lectura e actividades infantís e xuvenís como un obradoiro de cine ou un de robótica

A Deputación presenta a programación cultural de outono da Biblioteca Provincial

A escritoria María Reimóndez, primeira participante no Club Raíña Lupa

A Deputación da Coruña presenta a súa programación cultural de outono para a Biblioteca Provincial, que inclúe actividades para persoas adultas como obradoiros de literatura ou clubs de lectura e actividades infantís e xuvenís como un obradoiro de cine ou un de robótica.

As primeiras actividades xa comezaron a pasada semana coa segunda edición do Club da Raíña Lupa. Haberá un total de 6 sesións deste club de lectura, coordinado polo gañador da última edición do Premio, Lois Pérez, e no que participarán autores e autoras destacadas da literatura galega.

No marco das actividades para adultos realizaranse 4 obradoiros presenciais de literatura, impartidos por Patricia Cernadas, cun total de 20 prazas. Darán comezo o 16 de outubro e prolongaranse ata o mes de xuño. As inscricións poderán materializarse desde o 2 ata o 4 de outubro na web da Biblioteca e a adxudicación de prazas será por sorteo.

O obradoiro de poesía estará impartido por Xoán Abeleira os mércores de 19 a 20:30 horas. Ten un límite de 15 prazas e contará cunha duración de 12 sesións, desde o 18 de outubro ata o mes de xaneiro. As inscricións poderán materializarse desde o 2 ata o 4 de outubro na web da Biblioteca e a adxudicación de prazas será por sorteo.

Conversa en inglés

Para as conversas en inglés haberá dous niveis, medio I e Medio II. O nivel Medio I estará impartido por Elisabeth Haner, os mércores de 11:30 a 12:45 horas, cun límite de 15 prazas, desde o mércores 18 de outubro ata o mes de febreiro. O nivel Medio II tamén estará impartido por Elisabeth Hamer os luns de 19:15 a 20:30 horas. Cun límite de 15 prazas, serán 16 sesións desde o luns, 16 de outubro, ata o mes de febreiro.

Club EbiblioDaCoruña

A última das actividades programadas para adultos é a do Club EbiblioDaCoruna, que volve o vindeiro 29 de setembro. Trátase dun club aberto ao que podes unirte en calquera momento se es socio da EbiblioCoruna. Durante o curso leranse obras como "A praia dos afogados", de Domingo Villar; "Orlando", de Virginia Woolf ou "Al sur de la frontera, al oeste del sol", de Haruki Murakami.

Actividades infantís e xuvenís: cine, robótica e programación e Lego WEDO

Entre as actividades infantís e xuvenís destaca o obradoiro de cine, impartido por Federico Rioboo, no que os mozos e mozas de 12 a 17 anos poderán dirixir e actuar na súa propia curtametraxe. Haberá 6 sesións, que terán lugar na Sala de formación da Biblioteca entre o 21 de outubro e o 25 de novembro, e contan con 10 prazas.

No curso de robótica e programación os rapaces e as rapazas de entre 9 e 12 anos traballarán con BBC micro: bit, que é unha pequena tarxeta deseñada para aprender programación de forma sinxela e divertida. Serán 10 sesións en horario de 10:30 a 12 horas dos sábados, na Sala Manuel López da Biblioteca. As persoas interesadas poden inscribirse desde o venres, 6 de outubro, ás 10:30 horas.

O Curso de Lego realizarase a través da plataforma educativa WeDo, que permite iniciarse na robótica dunha forma accesible. A actividade está dirixida a nenos e nenas de 7 e 8 anos e realizaranse 10 sesións, todos os sábados, de 10:30 a 12 horas. Terán lugar na Sala Infantil da Biblioteca e as persoas interesadas poderán inscribirse desde o venres, 6 de outubro, ás 10:30 horas.

Os talleres de plastilina, que estarán impartidos por Ana Tenreiro, van dirixidos a nenos de 3 a 6 anos, repartidos en dúas franxas de idade: 3 e 4 anos e 5 e 6 anos. Cada un conta con 10 prazas e as inscricións poden formalizarse na Bebeteca ou chamando ao teléfono 981 020 174 a partir do martes anterior a cada actividade en horario de 16 a 20 horas. Teñen preferencia os socios da Biblioteca e os nenos e nenas deberán estar acompañados por unha persoa adulta.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X