Estás en:Emprego Novas

Mar García participa na entrega dos Distintivos Benestar Social do Concello de Boiro para homenaxear o traballo de persoas, entidades e empresas en beneficio do ben común

Mar García participa na entrega dos Distintivos Benestar Social do Concello de Boiro para homenaxear o traballo de persoas, entidades e empresas en beneficio do ben común

O Concello de Boiro celebrou esta tarde a segunda edición do Distintivo Benestar Social, un galardón que outorga a Concellería de Política Social e que ten como finalidade recoñecer e promover a labor social e de voluntariado no municipio. No acto, que tivo lugar na Casa Consistorial de Boiro, participaron o alcalde do municipio, José Ramón Romero; o director xeral de Inclusión da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente; e a deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal.
"O que hoxe homenaxeamos aquí son ás persoas que dedican o seu tempo en axudar aos demais. Entre os distinguidos de hoxe hai persoas, pero tamén empresas, clubs ou entidades... porque hai moitas formas de contribuír ao benestar dos demais", recoñeceu o alcalde no acto que estivo conducido por Sabela Ramil.
O concelleiro de Política Social, Raúl Treus, e a concelleira de Educación, Carmen Silva, foron os encargados de facer entrega do distintivo ao Voluntariado aos voluntarios e voluntarias do programa de apoio educativo da Cruz Vermella de Boiro. Un recoñecemento á labor que realizan nas aulas de ensino para familias en risco de exclusión.
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, entregou o distintivo á Entidade Empresarial á Clínica Dental Rebeca Ozores pola súa aportación que permite que os rapaces e rapazas e familias en risco de exclusión ou vulnerables teñan acceso a programas de hixiene bucodental mediante a colaboración con Cruz Vermella ou Cáritas. Recolleu o distintivo a directora da clínica, Rebeca Ozores.
A deputada de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, entregou a Milagros Rey o distintivo á Entidade Social para a Asociación AMBAR. Unha entidade que aposta polas actividades de inclusión social no municipio, especialmente en proxectos que apostan pola autonomía das persoas con diversidade funcional.
O director xeral de Inclusión da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, fixo entrega ao presidente do Club de Remo de Cabo de Cruz, Luís Piñeiro, do distintivo Inclusión pola contribución que o club fai na realización de actividade física a menores das familias con menos recursos.
A galardoada da primeira edición do distintivo de Méritos Extraordinarios, Marisa Lojo, presidenta da Asociación Española contra o Cancro de Boiro, fixo entrega do distintivo deste ano a Guadalupe Tubío, directora de Cáritas Boiro, polo seu traballo de coordinación da entidade local de Cáritas e a colaboración cos Servizos Sociais municipais para atender e prestar asistencia ás familias con menos recursos.
Finalmente o alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira de Cultura, María Outeiral, fixeron entrega do Distintivo Benestar Social á Superación e o exemplo ao grupo de voluntariado Turbina. A creación deste grupo de mozos e mozas de entre 13 e 20 anos comezou de man do educador social do Concello con cinco integrantes e hoxe son preto de 30 mozos e mozas que colaboran coas entidades sociais do municipio e programan actividades pensadas para a súa idade.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X