Estás en:Emprego Novas

Formoso destaca na súa visita a Padrón o compromiso da Deputación coa Fundación Rosalía de Castro, que “representa os valores da cultura e o feminismo galegos”

O presidente anuncia unha nova achega de 60.000 euros para a posta en valor nos xardíns da Casa Museo de Rosalía, onde se atopan especies de árbores senlleiras de gran riqueza botánica e que garda unha gran importancia na literatura de Rosalía

A Deputación e o Concello de Padrón analizan os proxectos que precisa o municipio e colaborarán na dotación de novas infraestruturas deportivas, como un parque de skate e calistenia

Formoso destaca na súa visita a Padrón o compromiso da Deputación coa Fundación Rosalía de Castro, que “representa os valores da cultura e o feminismo galegos”

Formoso, Rei e Angueira, nos xardíns da Casa Museo de Rosalía

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Padrón, onde se reuniu co alcalde, Anxo Rei Arca, e cos integrantes grupo de goberno municipal. Na visita participou tamén o deputado provincial Antonio Leira.

Nesta primeira reunión institucional entre Formoso e Rei abordouse o estado de distintos proxectos do municipio que contan co apoio da Deputación, así como os proxectos de futuro nos que a institución provincial poida prestar a súa colaboración técnica ou económica.

Formoso destacou "os case 9 millóns de euros que a Deputación leva investidos en Padrón a través de diferentes actuacións, entre as que destaca o Plan Único, e que tiveron como obxectivo a mellora de diferentes espazos e infraestruturas públicas" en lugares como Extramundi, Pazos, Herbón, etc. Máis de 55 obras que melloran a calidade de vida da veciñanza de Padrón.

Pola súa banda, o alcalde expuxo diferentes proxectos para os que pediu a colaboración da institución provincial, entre eles a creación de novas infraestruturas deportivas urbanas como un parque de skate e calistenia. Unha demanda que a Deputación terá en conta de cara aos próximos investimentos no municipio.

Rei apuntou que "o noso municipio ten unhas necesidades que a Deputación ten en conta, investindo unha cantidade importante nos últimos anos" e quixo agradecer esta reunión a ao presidente "na que falamos das necesidades de Padrón e como podemos mellorar o noso concello no futuro".

Visita á Fundación Rosalía de Castro

O presidente da Deputación e o alcalde de Padrón visitaron tamén a Casa Museo de Rosalía, sede da Fundación Rosalía de Castro, acompañados do presidente da entidade, Anxo Angueira.

Formoso lembrou que a Deputación, que forma parte do padroado da entidade, mantén ao longo dos anos "un firme compromiso" e "unha estreita relación" coa Fundación Rosalía de Castro, "unha institución que representa á perfección, á través da figura de Rosalía, os valores da cultura e o feminismo galegos", apuntou.

Durante a visita á sede da Fundación, Formoso anunciou que "asumimos un novo compromiso coa alcaldía e a Fundación Rosalía de Castro para investir na recuperación e posta en valor dun espazo moi importante para Padrón e para Galicia, como é o xardín exterior do inmoble, no que se atopan especies senlleiras de gran riqueza botánica". A Deputación atenderá así a demanda do Concello e a Fundación para recuperar este espazo singular cun investimento próximo aos 60.000 euros nun "lugar emblemático cuxa historia merece ser contada e coñecida"

O alcalde Anxo Rei quixo agradecer ao presidente provincial "a súa implicación, ampliando a colaboración da Deputación da Coruña ata o ámbito cultural, a través do proxecto de mellora dos xardíns, que forman parte dun dos edificios con maior valor patrimonial do Concello de Padrón".

Pola súa banda, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, mostrou a súa "felicidade pola execución deste acordo, que nos permitirá mellorar un dos espazos con máis valor da Casa de Rosalía, no que hai unha riqueza botánica moi grande, e que sabemos que garda unha grande importancia na literatura de Rosalía".

Angueira subliñou "a importancia para a nosa Fundación da colaboración continua e constante da Deputación, que nos permite poñer en valor todo o patrimonio cultural e histórico que temos na nosa institución".

Nos últimos anos, a Deputación da Coruña contribíu con máis de 178.000 euros á mellora das instalacións, a musealización e a construción do auditorio da Casa de Rosalía en Padrón, ademais de apoiar a programación do 50 aniversario e de ceder diferentes obras de arte, como o retrato de Rosalía debuxado por Modesto Brocos ou distintos cadros de Ovidio Murguía que hoxe forman parte da colección artística que se exhibe ao público no Museo.

Visita á cooperativa xuvenil Moira

Formoso e Rei visitaron tamén a sede da cooperativa xuvenil Moira, creada por cinco mozas do municipio.

Moira gañou este ano o premio a proxectos de cooperativas do sector do márketing dixital impulsado pola Deputación da Coruña e a Fundación Paideia, e dotado con 60.000 euros para impulsar o crecemento e actividade desta iniciativa emprendedora durante o seu primeiro ano de funcionamento.

O presidente e o alcalde interesáronse pola actividade e o funcionamento da cooperativa nos seus primeiros pasos e deron azos ás emprendedoras para desenvolver un proxecto "ilusionante que amosa a aposta da Deputación polo talento da nosa mocidade e polo futuro", remarcou Formoso.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X