Estás en:Emprego Novas

A Deputación reúnese cos 11 concellos do proxecto de megalitismo do Parque Arqueolóxico da Costa da Morte

Xosé Penas informou sobre o estado actual do proxecto e deu a coñecer a partida orzamentaria da Deputación para as distintas actuacións, que alcanza os 200.000 euros

Na reunión acordáronse tamén os próximos pasos para poñer en coñecemento da poboación a riqueza da cultura megalítica da Costa da Morte

A Deputación reúnese cos 11 concellos do proxecto de megalitismo do Parque Arqueolóxico da Costa da Morte

O consello de dirección do proxecto de megalitismo do Parque Arqueolóxico da Costa da Morte, do que forma parte a Deputación da Coruña xunto cos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, A Laracha, Laxe, Dumbría, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo, Zas e Coristanco, reuniuse esta semana no Concello de Mazaricos para coñecer o estado actual do proxecto e definir os próximos pasos.

O deputado de Contratación, Patrimonio, e Equipamentos, Xosé Penas, informou sobre o estado do proxecto, e sobre a partida orzamentaria da Deputación para as distintas actuacións, que alcanza os 200.000 euros. Ademais, puxo de manifesto o compromiso da entidade provincial para o incremento deste orzamento conforme se vaian acordando as diferentes fases do proxecto.

Difusión do proxecto

Como próximos pasos para dar a coñecer o proxecto acordouse nesta reunión a posta en marcha dunhas xornadas de divulgación e promoción do Parque do Megalitismo, que abarcarán non só aspectos turísticos, senón tamén técnicos e científicos. Lembráronse as xornadas realizadas en 2021 ao inicio do proxecto, valoradas moi positivamente polas diferentes institucións, recalcando o impacto positivo que tiveron na comunidade escolar e educativa.

Outras das actividades para poñer a disposición da sociedade toda a información e recursos, serán a publicación dunha web específica do Parque do Megalitismo, e a edición de dípticos nos que se detallen os diferentes monumentos existentes e a súa localización.

O obxectivo é visibilizar, divulgar e promocionar a cultura megalítica da Costa da Morte, que conta con máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias, unha das mostras mellor conservadas e representativas da nova Idade da Pedra en Galicia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X