Estás en:Emprego Novas
EBIBLIODACORUNACLUB

"A praia dos afogados" de Domingo Villar

EbiblioDaCoruna Club Lector é un espazo en liña para ler, comentar e compartir lecturas, tanto en castelán como de autores galegos, tendo en conta a actualidade, intereses e gustos dos participantes. É un club virtual de lectura da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña dirixido a todas as persoas lectoras usuarias das bibliotecas municipais da provincia da Coruña.

Dende o 18/10 do 2023 estaremos lendo no Club de Lectura Dixital  "A praia dos afogados" de Domingo Villar

Sinopse:

O inspector de policía vigués Leo Caldas recibe unha chamada onde o avisan da aparición na praia de Madorra, en Panxón, dun cadáver, aparentemente afogado. Crese que é un suicidio, e o inspector non lle dá moita importancia, ata que na autopsia se comproba que o xeito en que ten colocada a brida que lle ata as mans apunta a un asasinato.

 Pouco a pouco vaise descubrindo que a súa morte está relacionada co naufraxio do pesqueiro Xurelo, acontecido 12 anos atrás. O barco tripulábano o falecido, Xusto Castelo, O Rubio, xunto con outros dous mariñeiros e máis o patrón. O barco foi a pique preto da illa de Sálvora, unha noite de temporal, e de xeito un pouco estraño. No naufraxio falecera o capitán, mentres que os tres mariñeiros sobreviventes, dos cales dous viven aínda en Panxón, non manteñen relación entre si e gardan un fondo silencio sobre o sucedido.

Ao longo do libro vanse atopando outras pistas que confirman que non foi un suicidio: a chalupa do falecido aparece ao outro lado de Monteferro, lonxe do cadáver; o morto ten un golpe na caluga posiblemente feito á mantenta; e mesmo gravacións dunha cámara de seguridade. Malia á reticencia dos mariñeiros locais para falar do acontecido, Leo Caldas tira dun fío que o leva á desaparición dunha muller en Aguiño a mesma noite do afundimento.

O inspector mirou cara arriba e, entre as pingas que escorrían polo cristal, viu o home peixe no alto do seu pedestal.
Paralelamente, Leo Caldas segue co seu programa de radio Patrulla nas ondas; tamén ten un papel importante, mesmo na resolución da trama, o seu pai, que está a coidar do seu irmán Alberte, gravemente enfermo no Hospital Xeral de Vigo.

Desde o propio club de lectura dixital podes prestar o libro e comentar, citar ou chatear co resto de participantes.


1. Entra no CLUB DE LECTURA DIXITAL https://ebibliodacorunaclub.odilotk.es
2. Identifícate coas claves da EBiblioDaCoruna
3. Entra na sala correspondente "Arredor dos libros" dedicado a lecturas en galego
4. Presta o libro dentro do apartado Contido.
5. Desfruta da lectura e comenta e comparte cos teus compañeiros e compañeiras.

Para poder formar parte deste club de lectura virtual é preciso primeiro formar parte da biblioteca dixital EbiblioDaCoruna que é a biblioteca dixital da Deputación da Coruña para todas as bibliotecas públicas e municipais da provincia da Coruña.

Podes solicitar a túa alta de balde premendo aquí.

Pertencer ao club lector non ten ningún custo, e está aberto a que poidas usalo as 24 horas do día os 365 días do ano.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X