Formoso destaca o apoio da Deputación para impulsar a cultura, as infraestruturas e os servizos sociais no Concello de Rianxo
Rianxo será un dos tres municipios da provincia que contará cunha das residencias públicas da Deputación, xunto con Ordes e As Pontes
Rematadas as obras de renovación do firme da DP-7202 de Rianxo a Bures por Asados, nas que a Deputación programa a construción dunha nova senda peonil
A entidade provincial achega 16.000 euros para a compra de material e instrumentos para a Banda da Escola de Música, que conta con máis de 200 alumnos e alumnas
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Rianxo, onde se reuniu co alcalde, Julián Bustelo, para comprobar de primeira man os investimentos realizados por parte da Deputación no municipio.
Na visita tamén participaron a deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e a deputada provincial de Servizos Sociais, Mar García, representantes do goberno local, o concelleiro Óscar Rial, e o patrón maior da Cofraría de Pescadores de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias.
Formoso declarouse moi satisfeito "de contribuír mellorar infraestruturas, reforzar a cultura e de potenciar os servizos sociais do Concello de Rianxo a través de distintos investimentos, como a mellora na DP – 7202, as axudas á súa Escola de Música e a creación dunha das tres residencias públicas da Deputación".
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, quixo "agradecer ao presidente da Deputación o seu compromiso con Concello de Rianxo a través de todos estes investimentos no eido de infraestruturas, cultura e servizos sociais".
Durante a visita supervisaron o remate das obras de mellora da capa de rodaxe da DP – 7202 que vai de Rianxo a Burés, por Asados. A obra supuxo un investimento de 303.248 euros, que servirán para renovar o firme nos tres primeiros quilómetros da vía, que transcorre por un tramo urbano e a capela de Santa Lucía.
O proxecto incluíu a reposición das marcas viais, os bordos e a sinalización vertical da estrada. A obra completarase proximamente coa construción dunha nova senda peonil, xa en fase de expropiación dos terreos necesarios, que transitará en paralelo na marxe dereita do vial entre o PQ 1+541 e o PQ 1+911, mellorando a seguridade dos peóns e completando os tramos existentes.
Apoio provincial á cultura de Rianxo
Durante a visita, Formoso fixo referencia á achega provincial en materia de cultura ao Concello de Rianxo. A institución achegou 16.000 euros para a compra de material e instrumentos da Banda Municipal de Música.
O presidente provincial xustificou "o importante investimento provincial na Banda da Escola de Música de Rianxo, que conta cun gran apoio no municipio, xa que entre as súas diferentes modalidades participan máis de 200 alumnos e alumnas".
"Estamos moi satisfeitos de ver que o esforzo que se fai no eido cultural vese reflectido no talento dos mozos e mozas, e na educación en si mesma dos valores que dá a propia música" engadiu.
A Deputación da Coruña colabora todos os anos coa celebración do festival Noites de Jazz, que se celebra durante a época estival e atrae a ao municipio as mellores bandas do panorama internacional
Rianxo contará cunha das tres residencias públicas da provincia
O presidente provincial destacou tamén o apoio provincial en materia de Servizos Sociais, subliñando que "Rianxo será un dos tres municipios da provincia, xunto con Ordes e As Pontes, nos que a Deputación financiará a construción dunha residencia pública de ámbito comarcal, o que permitirá atender as necesidades do municipio e da contorna neste ámbito".
Este tipo de dependencias son pequenas residencias, con capacidade para unhas 50 persoas, e teñen como obxectivo crear un modelo público de proximidade, que permita aos nosos maiores estar perfectamente atendidos, preto da casa, e sen necesidade de estar en institucións grandes e saturadas, que diminúen a calidade do servizo.
Formoso subliñou "a aposta da Deputación no eido dos Servizos Sociais, incrementado nun 175% en 8 anos o seu investimento neste ámbito. Non chega, pero é un sinal de compromiso por parte deste equipo de goberno de progreso".
Un investimento de 300.000 euros para mellorar os servizos municipais
A Deputación destina en Rianxo 300.000 euros á creación de emprego relacionado coa mellora de servizos municipais no Concello a través de achegas á Escola de Música Municipal, subvencionando a contratación dun técnico de Turismo, un técnico de Deportes, unha brigada de limpeza de praias, persoal de obras e servizos e a contratación de tres técnicos de Servizos Sociais, ademais do apoio para financiar 7.200 horas de Servizo de Axuda no Fogar para as persoas maiores do municipio
O apoio da Deputación ao sector do mar
O presidente da Deputación aproveitou a súa visita a Rianxo para amosar o seu apoio aos traballadores do mar, en concreto ao sector do cerco.
Segundo indicou Formoso "estamos á espera de que a Xunta de Galicia nos dea permiso para poder actuar e axudar ao sector do cerco, algo que tería que facer a propia Xunta", que é a administración que ten competencias no sector.
"A pesar de non ter competencias, destinamos recursos que podemos para apoiar a tantas familias que viven desta actividade económica na nosa provincia, e que agora vén o seu futuro comprometido" engadiu o dirixente provincial.