Estás en:Emprego Novas

Este sábado celébrase no Salón Teatro a final do Premio Narf con Fillas de Cassandra como banda convidada

As bandas finalistas son Lucía Aldao, Satélite Salitre e MÅI

A final terá lugar no seo dunha gala no Salón Teatro de Santiago o vindeiro sábado 28 de outubro ás 20.30 horas

Tamén participará Espiño cun tema dedicado a Narf nunha gala conducida polo xornalista Luís Pardo

Este sábado celébrase no Salón Teatro a final do Premio Narf con Fillas de Cassandra como banda convidada

A final do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña terá lugar este sábado 28 de outubro no Salón Teatro de Santiago ás 20.30 horas nun espectáculo aberto ao público. Nel participarán as tres bandas finalistas: Lucía Aldao, Satélite Salitre e MÅI, ademais de Fillas de Cassandra, o grupo convidado, nun acto que estará conducido polo xornalista Luís Pardo. Ademais haberá unha actuación especial da man de Espiño, que interpretará un tema dedicado a Narf.

O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Forma parte do xurado como presidenta Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; ademais dos músicos Ramón Pinheiro (tamén director da Central Folque), Suso Alonso, quen coincidiu con Fran Pérez Narf en varios proxectos; e Mónica de Nut, cantora de ópera, jazz, música de raíz e experimental; Ánxeles Porto, directora do festival Feito a Man; e Marcos Gendre, xornalista musical. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.

As bandas finalistas
LUCÍA ALDAO: Emoción e sorna, revisión e identidade, amizade e crítica, son o fío condutor do segundo EP que publica unha cantautora da que o xurado destacou "a súa personalidade artística desbordante na que conflúe un universo propio musical cheo de intencións".

SATÉLITE SALITRE: Banda liderada polo compostelán Pilo Sierra, en colaboración co cuarteto de cordas Suelen Estar Quartet, o baterista LAR Legido e Pablo Sanmamed. Deles o xurado destacou que é "unha proposta orixinal de sonoridades marcada por unha canción de autor de vangarda".

MÅI: A alianza de Iseo Agilda con Tomás AgeitosX deu como resultado o disco 'Nigredo', que eles mesmos definen como "pop boreal" pola conexión que ten co pop nórdico, combinado coa tímbrica e a rítmica da música tradicional galega. Deste proxecto o xurado salientou a "electrónica acústica boreal de gran profundidade paisaxística".

Toda a información en https://premionarf.gal

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X