Estás en:Emprego Novas

A Deputación financia 411.000 horas de servizo de axuda no Fogar e contrata a 179 profesionais dos servizos sociais municipais, “os máis próximos á cidadanía”

A deputada Política Social, Mar García Vidal, inaugurou no Pazo de Mariñán unha xornada na que máis de 80 profesionais das áreas de Benestar Social dos concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros, Culleredo e Sada debaten sobre os retos de futuro da súa profesión

A Deputación financia 411.000 horas de servizo de axuda no Fogar e  contrata a 179 profesionais dos servizos sociais municipais, “os máis próximos á cidadanía”

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e o presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes, inauguraron esta mañá no Pazo de Mariñán o X Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios, unha  xornada dirixida a alcaldes, concelleiros e persoal técnico da área Servizos Sociais dos concellos que forman parte do Consorcio das Mariñas.

A deputada de Política Social destacou o compromiso do goberno provincial co mantemento dos servizos sociais municipais "os máis próximos á cidadanía, os que cada día reciben e resolven centos de problemas que afectan ás persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles".

"Somos conscientes da dificultade e o gran esforzo que supón para un concello pequeno contar con profesionais especialistas no ámbito social, por iso nos últimos anos duplicamos a dotación económica do programa de Servizos Sociais Comunitarios, permitindo que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña poidan contratar persoal administrativo, técnico ou de axuda a domicilio", afirmou a deputada, que destacou que esta cantidade económica permite contratar este ano a 179 profesionais da área social nos municipios e financiar 411.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Estes profesionais prestan atención e servizo cada día a milleiros persoas con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a diversos colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres maltratadas, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade, explicou a deputada.

Mar García destacou que, para o Goberno provincial, a área social é unha prioridade e citou outros programas da Deputación que contribúen a apoiar as persoas que máis o necesitan coma a Teleasistencia, que chega a 3.200 persoas maiores na provincia, as liñas de axudas para entidades sociais que chegan a 273 asociacións da provincia ou o financiamento da asesoría xurídica social do Consorcio das Mariñas, que o ano pasado recibiu 656 consultas de persoas en situación vulnerable que non poden acceder a soporte xurídico.

Durante a xornada de hoxe, máis de 80 técnicos/as e concelleiros/as de Servizos Sociais dos concellos dos municipios do Consorcio das Mariñas (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros, Culleredo e Sada) formaranse e debaterán sobre aspectos relacionados co seu labor diario e analizarán os retos de cara ao futuro no ámbito dos servizos sociais.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X