Estás en:Emprego Novas

A Deputación inviste 1,5 millóns de euros na mellora da estrada provincial que conecta Noia, Lousame e Boiro

Remataron xa as melloras nos primeiros 5,5 quilómetros da DP 1105, que continuarán cunha nova actuación ata o quilómetro 13 nunha das estradas máis importantes da comarca

Formoso visitou a Asociación Misela, onde destacou "o orgullo de poder colaborar cunha entidade social que fai un gran labor para promover a autonomía persoal e laboral das persoas con discapacidade" na comarca

Formoso e Freire visitaron tamén a renovada rúa Ángel Senra, un das máis de 30 obras financiadas pola Deputación en Noia, que supuxo un investimento de 215.000 euros

A Deputación inviste 1,5 millóns de euros na mellora da estrada provincial que conecta Noia, Lousame e Boiro

Formoso visitou a sede de Misela, onde destacou o gran labor social que desenvolve a entidade, que cumpre o seu 30 aniversario

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita ao Concello de Noia para comprobar de primeira man algúns dos investimentos realizados pola entidade provincial no municipio, tanto no ámbito social como en infraestruturas.

Na visita tamén participaron a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez e a deputada de Servizos Sociais, Mar García Vidal, que xunto a Formoso foron recibidos polo rexedor local, Santiago Freire, e os concelleiros Francisco Pérez Caamaño, Sandra González Castro, Laura Salgado, Ricardo Suárez e María Insua.

A comitiva achegouse ata a rúa Anxo Senra, onde a Deputación está a executar un proxecto de renovación e acondicionamento do espazo, cun investimento de 215.000 euros.

Con esta obra preténdese crear un aspecto máis humanizado e accesible para os veciños e veciñas. No acceso da rúa crearase unha pequena praza para poder incluír un espazo verde con magnolias, reorganizarase o aparcamento, executaranse unhas beirarrúas novas e colocaranse bases para as árbores ao longo destas.

Formoso indicou que "realizamos esta obra co obxectivo de crear un espazo máis humanizado, accesible e atractivo, no que os habitantes de Noia, se sintan a gusto e cómodos".

O presidente provincial incidiu en que "acometemos esta actuación con materiais que teñen un fácil mantemento, coa intención de que o seu bo aspecto e coidado perdure no tempo".

O rexedor local, Santiago Freire, pola súa banda, agradeceu ao presidente provincial "a súa visita para supervisar as diferentes actuacións realizadas pola Deputación da Coruña, como a renovación desta rúa, financiada a través do Plan de Obras e Servizos".

Dos 11,5 millóns que a Deputación da Coruña investiu no Concello de Noia, 6 corresponden ao Plan Único, que financiou máis de 30 obras e múltiples servizos públicos no termo municipal, como a reforma desta rúa, que contribúen a mellorar a calidade de vida da cidadanía.

Mellora da estrada DP – 1105, unha conexión estratéxica para o Barbanza

Formoso e Freire achegáronse tamén ata a estrada DP – 1105, que conecta o Concello de Noia cos de Lousame e Boiro. A primeira fase do proxecto, que xa está executada, realizouse nos primeiros 5,5 quilómetros do vial e contou cun investimento de máis de 606.000 euros.

A segunda fase, que xa está a punto de ser adxudicada unha vez rematado o proceso de licitación pública, conta cun orzamento de 923.074 euros e continuará a renovación do firme do vial ata o quilómetro 13.

Segundo indicou o presidente provincial, "con esta intervención buscamos garantir a seguridade dos usuarios desta estrada, que está situada nunha zona moi concorrida de tránsito rodado e con continuo movemento os 365 días do ano".

O dirixente quixo subliñar a importancia que supón a mellora deste vial, "posto que é unha conexión estratéxica, que enlaza os concellos de Boiro, Noia e Lousame, e ademais supón a saída do Barbanza, tanto en dirección norte como cara a provincia de Pontevedra".

As obras consisten na mellora da capa de rodaxe do vial mediante unha mestura de bituminosa en quente, así como a colocación de sinais pintadas no eixo, bordos, pasos para peóns, así como unidades de sinalización vertical, balizamento e defensas varias.

Formoso destacou que a Deputación está disposta a mellorar distintas estradas da Deputación na zona máis urbana do municipio para deixalas totalmente acondicionadas e transferir posteriormente a súa titularidade ao Concello. "O Concello ten máis capacidade para manter as rúas urbanas nas melloras condicións, pero antes de transferilas entendemos que debemos deixalas nas mellores condicións", apuntou.

Formoso destacou o "importante labor social" da Asociación Misela

A xornada rematou coa visita á Asociación Misela, que presta atención a persoas con discapacidade e conta con 30 anos de experiencia á hora de fomentar a autonomía persoal e a mellora de vida dos seus usuarios e usuarias.

Formoso interesouse pola súa actividade, que conta co apoio da Deputación da Coruña a través das liñas de axudas a entidades de servizos sociais.

O presidente provincial destacou "o importante labor social que realiza a asociación á hora de promover a autonomía dos seus usuarios e usuarias e o investimento social nas persoas con discapacidade" e subliñou que "é un orgullo poder apoialos desde a Deputación".

"Durante o ano 2023 destinamos 44.000 euros para financiar os gastos desta asociación, como pizarras electrónicas, material deportivo e ferramentas para os obradoiros de horticultura, entre outras, que facilitan a actividade deste centro social" engadiu o dirixente.

Grazas á colaboración da área de Política Social da Deputación, tamén se fai posible a realización de obradoiros e actividades de estimulación sensorial, física e cognitiva, que melloran a calidade de vida destas persoas.

Segundo explicaron desde a entidade, a institución dá servizo a máis de 100 persoas con discapacidade de todas as franxas de idade de distintos concellos da comarca de Barbanza.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X