Comeza a VI Mostra Internacional de Cinema Documental “Mares da fin do mundo”
A deputada de cultura, Natividad de Jesús González, asistiu á inauguración deste festival, que recibiu unha subvención de 20.000€ da Deputación
A mostra ten lugar do 1 ao 5 de novembro no concello de Outes
Posta de longo da Mostra Internacional de Cinema Documental "Mares da fin do mundo", que estreou a súa sexta edición, nun acto no que participaron a deputada de cultura, Natividad de Jesús González; a responsable de igualdade da Deputación, Soledad Agra Tuñas; o alcalde do Concello de Outes, Manuel González López; o concelleiro de cultura e tenente de alcalde, Anxo Núñez; o director da mostra, Marcos Gallego e o director de cine Álvaro Gago. Este festival, que recibiu unha subvención da Deputación de 20.000€, ten lugar en Outes ata o vindeiro 5 de novembro.
Cun visionado de Matria, de Álvaro Gago, como punto de partida, o festival exhibirá un total de 24 filmes relacionados coa pesca sustentable, cunha programación complementaria de actividades paralelas de interese cultural e turístico.
"O cinema documental é unha arma moi poderosa para o cambio social" destacou a deputada de Cultura, "e esta iniciativa que pon en valor o noso mar como un dos recursos naturais máis valiosos que temos é un claro exemplo diso". Cinema e defensa medioambiental únense nunha mostra que xa é de referencia internacional.
O apoio da área de cultura da Deputación a esta mostra enmárcase no seu compromiso coa promoción de festivais audiovisuais como ferramentas de difusión da cultura galega a novos públicos. "Ademais do seu compoñente reivindicativo, citas como esta son fundamentais para dar a coñecer a nosa riqueza cultural" destaca Natividad de Jesús González, "e por iso non podemos máis que apoiar a súa celebración", engade.