Estás en:Emprego Novas

Formoso compromete o apoio da Deputación a Aspanaes para seguir avanzando na integación das persoas con TEA

O presidente e a deputada de Política Social reuníronse co novo director-xerente da entidade, Daniel Viéitez, que agradeceu o apoio constante da Deputación a Aspanaes

Formoso compromete o apoio da Deputación a Aspanaes para seguir avanzando na integación das persoas con TEA

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, reuníronse co novo director-xerente de Aspanaes, Daniel Viéitez Solla.

Formoso destacou o importante traballo que desenvolve Aspanaes e a longa traxectoria de colaboración coa Deputación, que cada ano apoia economicamente diferentes programas e servizos da entidade, así como melloras nas súas instalacións. O presidente e a deputada interesáronse tamén polas necesidades de Aspanaes de cara ao futuro.

O presidente destacou o gran labor que desde hai máis de catro décadas desenvolve Aspanaes para a integración social e laboral das persoas con trastorno de espectro autista (TEA) e garantiu que "a Deputación seguirá apoiando economicamente a unha entidade que é unha referencia no seu ámbito e contribúe a mellorar a vida de centos de persoas con TEA e das súas familias".

Aspanaes é unha das 273 entidades sociais que cada ano contan co apoio económico da Deputación. Nos últimos anos, a Deputación da Coruña contribuíu a financiar programas e terapias de fomento da autonomía persoal das persoas con TEA, a acondicionar, amoblar e dotar de material informático ao novo centro de Aspanaes no Monte do Gozo (Santiago) ou a adaptar as súas instalacións en Ferrol. O pasado mes de outubro, a Deputación entregou tamén a Aspanaes un novo vehículo adaptado para o transporte dos seus usuarios.

Viéitez solicitou a colaboración da Deputación no proxecto de Aspanaes de ampliar o seu servizo de atención temperá, co que pretende mellorar a detección precoz e atención a menores con TEA.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X