Estás en:Emprego Novas

Formoso ofrece á alcaldesa de Fisterra a colaboración da Oficina Next Deputación para buscar financiamento europeo ao proxecto de construción dunha senda litoral na praia do Rostro

Primeira reunión de traballo entre o presidente da Deputación e a rexedora de Fisterra, Áurea Domínguez

O goberno municipal de Fisterra presenta a construción dunha senda de 3,3 quilómetros nunha estrada municipal que discorre paralela á costa

Formoso ofrece á alcaldesa de Fisterra a colaboración da Oficina Next Deputación para buscar financiamento europeo ao proxecto de construción dunha senda litoral na praia do Rostro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu no seu despacho da institución provincial á alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez, e ao deputado provincial Ángel García Seoane.

Nesta primeira reunión de traballo, a rexedora fisterrá solicitou o apoio técnico e financeiro da Deputación para o proxecto do seu goberno de construír unha senda duns 3,3 quilómetros de lonxitude que discorrería á beira dunha estrada de titularidade municipal paralela ao litoral da praia do Rostro. O proxecto inclúe tamén a renovación do firme da vía existente e supón un elevado investimento de 1 millóns de euros.

Formoso considerou que o proxecto desta senda litoral proposta polo goberno municipal de Fisterra podería ter encaixe nas convocatorias de fondos europeos destinadas a entidades locais para impulsar a economía baixa en carbono e a mobilidade sostible, polo que ofreceu a colaboración e experiencia da Oficina Next Deputación para buscar o posible encaixe do proxecto nestes plans de financiamento europeo. Un labor que xa se está a desenvolver para outros proxectos municipais na provincia.

A Oficina Next Deputación, situada no pequeno concello rural da Capela, é o primeiro centro de Galicia especializado na captación e xestión de fondos europeos para os concellos. Desde alí, un equipo cualificado de profesionais asesora e apoia os concellos na redacción, xestión e tramitación das convocatorias e proxectos susceptibles de acceder a fondos Next Generation UE.

A oficina Next Deputación permite que os pequenos municipios que non dispoñan da capacidade técnica para redactar, preparar e presentar os proxectos que poidan optar a financiamento europeo, poidan facelo co apoio técnico da Deputación.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X