A Deputación da Coruña e o Concello de Muxía acordan un investimento de 300.000 euros para a reforma do pavillón polideportivo da localidade
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, recibiron onte ao alcalde de Muxía para dar luz verde a esta obra
A institución provincial financiará este proxecto que converterá o recinto municipal nun renovado centro deportivo con ximnasio, salas equipadas, zona de descanso e cafetería.
A Deputación da Coruña investirá 300.000 euros nas obras de reestruturación e equipamento do pavillón polideportivo de Muxía.
Así se acordou na reunión que mantiveron onte o presidente Deputación, Valentín González Formoso e o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, co alcalde de Muxía, Iago Toba, e os concelleiros Olalla Benlloch e Javier Romar nas dependencias da institución provincial para dar luz verde a esta intervención.
Formoso comprometeu o apoio da Deputación para financiar esta actuación que converterá o recinto municipal nun renovado centro deportivo con ximnasio, salas equipadas, zona de descanso e cafetería autoservizo, entre outras melloras.
Este acordo, no que goberno municipal de Iago Toba trasladou a folla de ruta para reconstruír a actual instalación, permitirá transformar o actual recinto e modernizar a súa estética e funcionalidade, adecuándoas ás necesidades actuais de veciñanza de Muxía.
Tras a reunión, o alcalde, Iago Toba, quixo agradecer "a disposición e a colaboración en todo momento da Deputación da Coruña para chegar a outro importante acordo, que permitirá que Muxía poida contar cun centro deportivo de referencia".
"O presidente Valentín González Formoso continúa apostando por Muxía e nós estamos moi satisfeitos e agradecidos porque é un claro exemplo da nosa forma de gobernar e ver a política; traballando para o benestar da nosa veciñanza", engadiu o rexedor.
O concelleiro de Obras, Javier Romar, puxo en valor "a importancia desta reunión, clara mostra do compromiso real que a Deputación e o seu presidente teñen co noso municipio, xa que un investimento desta magnitude non se consegue todos os días".
Pola súa banda, Bellonch destacou que "esta era unha necesidade real e relevante para Muxía. Agora, co compromiso económico e o apoio da Deputación da Coruña imos poder facer realidade outra demanda histórica, como o fixemos anteriormente coa gardaría ou con outros proxectos de gran relevancia", concluíu.