Estás en:Emprego Novas

Carme López Taboada

#AVoltaÁProvinciaEn52Autoras

Carme López Taboada

Obra

Carme López Taboada naceu en Sendelle, Concello de Boimorto. Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago, combina a investigación no eido da lingüística, a creación literaria e a tradución co exercicio da docencia no IES Eusebio da Guarda da Coruña como Catedrática de Lingua Galega e Literatura.

A súa preocupación didáctica levouna a colaborar con distintos colectivos pedagóxicos e publicar diferentes obras: Guía didáctica de educación infantil o Puff (1981), O Noso Galego 4 (1984), Propostas didácticas (1984), Lingua de Bacharelato 1 (1989) e Lingua de Bacharelato 2 (1989) e outro material complementario de lingua e literatura.

No ano 1981 foi asignada á Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia para tarefas administrativas como encargada de habilitacións, exención e revisión de textos e, en 1983, foi nomeada xefa do Servizo de Normalización, Asesoramento, Promoción da Lingua Galega e Toponimia, cargo que desenvolveu ata o ano 1985 na Consellería de Educación e Cultura.
Nos anos 1990 e 91 estivo destinada na Real Academia Galega desenvolvendo a actividade de redactora do Dicionario da Lingua Galega que publica esta institución no ano 1997.

É autora de obras de aplicación didáctica Do falar e do escribir (1995), Punto por punto (1997) e Dicionario do seguro (1998). Tamén é coautora de diferentes publicacións de material pedagóxico para a formación de adultos: Curso superior de linguaxe xurídica (1996), Lingua galega, iniciación (2002) e Curso de linguaxe administrativa (2001) obra que se editou na súa quinta edición revisada (2007) e sexta (2009).

O traballo de investigación no ámbito lingüístico, iniciado coa publicación de Do falar e do escribir (1995), céntrase no estudo da fraseoloxía galega e tivo continuidade nas publicacións: Así falan os galegos e o Dicionario de fraseoloxía galega dos que é coautora con María Rosario Soto. Neste momento están realizando o dicionario de correspondencias fraseolóxicas entre a lingua galega e a lingua castelá. Tamén forma parte do consello de redacción dos Cadernos de fraseoloxía galega do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Preparou o aspecto lingüístico da edición de A campaña da Caprecórneca de Otero Pimentel, e, dentro do xénero teatral, publicou O muíño baleiro (1984) amais da obra poética, Cantares (1983), que é unha achega á poesía infantil musicada por Manuel Rico. O poema "O meu neno está no berce", que se inclúe nesta publicación, foi gravado por Manuel Rico, Fuxan os ventos, Rosa Cedrón e Xabier e Guillerme e incluído na Antoloxía da poesía infantil galega, Os ecos do bilurico e na Antoloxía da poesía infantil galega : O libro dos cen poemas.

Sobre a súa obra

LÓPEZ TABOADA, CARMEN;SOTO ARIAS, Mª ROSARIO. Dicionario de Fraseoloxía Galega (Xerais, 2008) [8/389]

Este Dicionario de Fraseoloxía Galega, preparado por Carme López Taboada e Mª Rosario Soto Arias, recolle case dez mil frases feitas, o que supón o maior repertorio lexicográfico deste tipo publicado en lingua galega. A información proporcionada en cada entrada dividiuse en catro campos: a clave, a frase, o significado e o texto. No campo da "clave" identifícase a palabra de maior peso semántico do núcleo da frase, sendo, con frecuencia o substantivo primeiro en aparecer na orde de lectura, ou de non habelo, o verbo, o adxectivo ou o adverbio. No campo da "frase" diferénciase entre núcleo e contorna (identificado entre corchetes). No campo de "significado" preséntase a definición da entrada, enriquecida polas marcas de rexistro lingüístico ou de información metalingüística. Por último, no campo "texto", proporciónase un exemplo de uso documentado, extraído de fontes literarias e xornalísticas, identificadas cunha clave. Este Dicionario de Fraseoloxía Galega inclúe, ademais, un apéndice de correspondencias casteláns das frases incluídas no dicionario.

A autora nas redes

Ficha da autora en Xerais 

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X