Estás en:Emprego Novas

Formoso plantexa iniciar a recuperación das baterías de costa e a creación dunha sede da Deputación en Ferrol entre os obxectivos do goberno provincial para 2024

O presidente da Deputación da Coruña participou hoxe no ciclo "Conversas no Parador", onde fixo balance da acción do goberno provincial na comarca e presentou as novidades para o ano que vén

Formoso plantexa iniciar a recuperación das baterías de costa e a creación dunha sede da Deputación en Ferrol entre os obxectivos do goberno provincial para 2024

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no almorzo informativo "Conversas no Parador", organizado polo Club de Prensa de Ferrol.

Na súa comparecencia Formoso, ofreceu datos do que supuxo a acción da Deputación nos últimos anos tanto na cidade como nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal e trazou algún dos obxectivos do goberno que preside de cara ao vindeiro ano, ao fío da presentación dos Orzamentos 2024 da institución provincial coruñesa nas últimas horas.

Uns orzamentos de 222 millóns que, segundo explicou o presidente, serán os máis elevados da historia da institución e "contemplan investimentos estratéxicos para impulsar o emprego, a dinamización económica e a protección social nos 93 concellos da provincia", ademáis de "ofrecer soporte ao amplo entramado social, cultural, deportivo e industrial da provincia".

O presidente defendeu ademáis a forma de actuar da Deputación "en positivo, sen buscar a confrontación e procurando sempre o máximo consenso, porque do consenco saen sempre cousas boas", defendeu.

Tres millóns de euros para recuperar as baterías de costa

Entre os obxectivos da Deputación na comarca para o vindeiro ano, Formoso destacou o desenvolvemento do Plan de recuperación das baterías costeiras de Monteventoso en Ferrol, Bailadora en Ares e Campelo en Valdoviño.

Segundo explicou o presidente, o investimento previsto ascende a 3 millóns de euros. Ao compromiso orzamentario de 1 millón de euros iniciado pola Deputación sumouse este ano a concesión doutros 2 millóns de euros do Goberno de España dentro dos seus plans de sustentabilidade turística, que veñen a avalar e refrendar a ambiciosa aposta do Goberno de Formoso por recuperar estes elementos patrimoniais que forman parte da historia de Ferrolterra.

"Ares e Valdoviño xa fixeron a encomenda de xestión á Deputación para poder licitar os traballos de recuperación das súas baterías e Ferrol farao antes de que remate este ano, segundo o que me trasladou o alcalde", afirmou o presidente da Deputación, que lamentou "a falta de sensibilidade que houbo para conservar este patrimonio" no pasado, o que obrigará "a recrear coa maior fidelidade posible" o escenario e os elementos orixinais.

Valentín González Formoso defendeu a aposta da Deputación para recuperar o patrimonio e usalo como elemento de dinamización turística e económica. "Fixémolo co mosteiro de Caaveiro, que agora recibe miles de visitantes cada ano, ou co Pasatempo de Betanzos", afirmou o presidente que reprochou que a Xunta de Galicia se negue agora a reparar o vial de acceso a Caaveiro, do que se ocupou durante catro décadas, ou "non teña investido nin un céntimo na recuperación do que foi o primeiro parque temático de España", o pasatempo betanceiro. Neste sentido, destacou tamén a declaración do Xeoparque Mundial de Cabo Ortegal por parte de UNESCO, avalando ao traballo desenvolvido durante anos pola Deputación e os concellos da zona.

Formoso incidiu tamén na aposta da Deputación polo Museo da Construción Naval de Ferrol (Exponav). "Na Deputación da Coruña somos o gran patrono, o que máis fondos aporta, e reclamamos á Xunta de Galicia que invista cando menos a mesma cantidade que a Deputación para manter un centro único en España no seu ámbito".

Establecer unha sede da Deputación en Ferrol

Formoso destacou tamén que, entre os plans da Deputación para os vindeiros anos, está establecer unha sede da Deputación en Ferrol, que permita "descentralizar servizos" e achegar á cidadanía todo o que no ámbito social, cultural, deportivo ou de dinamización económica ofrece a institución provincial, facilitando tamén as xestións administrativas. "En Ferrol temos unha oficina tributaria, pero o noso obxectivo é achegar á cidadanía todo o que lles ofrece a Deputación", indicou o presidente, que sinalou que entre os plans de futuro do seu goberno está dotar a Ferrol dun espazo de coworking dentro da Rede de Espazos de Traballo Colaborativo que xa xestiona a Deputación en once concellos coruñeses.

No eido social, Formoso destacou que a Deputación desenvolverá en 2024 un proxecto piloto de construción de residencias para maiores de ámbito comarcal en tres municipios da provincia, As Pontes, Ordes e Rianxo, cun investimento consignado de 6 milllóns de euros.

"Serán residencias distintas, non macrocomplexos; senón centros de pequeno tamaño e de ámbito comarcal que permitan evitar o desarraigo dos nosos maiores, permitíndolles quedarse preto da casa", afirmou o presidente, que destacou que os centros terán xestión pública.

O presidente da Deputación fixo balance tamén a acción do Goberno provincial nos últimos anos na comarca de Ferrolterra. Programas como o Plan de Emprego Local (PEL) ou o Plan Único contribuíron a crear emprego e a dotar á zona de novas e modernas infraestruturas.

O Plan Único supuxo a execución de 822 obras e investimentos por máis de 106 millóns de euros nos concellos da comarca. En Ferrol, obras coma a reforma da Casa do Concello, o aparcadoiro do CHUF ou a reforma do Mercado da Magdalena foron financiados con fondos do POS+.

A aposta da Deputación pola dinamización económica do territorio desenvolverase o vindeiro ano con 2,6 millóns de euros dos orzamentos destinados a apoiar sectores industriais estratéxicos con gran potencial de crecemento como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou a economía circular.

A eles súmanse os 8 millóns que a Deputación, co cofinanciamento do Plan de Recuperación do Goberno de España, destinará a construír Coruña Estudo Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España, na Cidade das TIC da Coruña.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X