A Deputación salienta nos Premios Paraugas o potencial creativo da provincia
A entidade provincial, que colabora con esta iniciativa do Clúster da Comunicación de Galicia, pon en valor o talento e creatividade dos profesionais da Coruña
A deputada Cristina García Rey, asistente ao evento en representación da Deputación, entregou o premio ao mellor traballo de impresión en papel a Estudios de Anime, de Gráficas Anduriña
O ferrolán Teatro Jofre converteuse no epicentro da creatividade galega, acollendo a celebración da oitava edición dos Premios Paraugas do Clúster da Comunicación de Galicia. A deputada Cristina García Rey acudiu á gala en representación da Deputación da Coruña, que colabora con esta iniciativa, e foi a encargada de entregar o premio ao mellor traballo de impresión en papel a Estudios de Anime, de Gráficas Anduriña.
A deputada destacou a calidade de todas as candidaturas e finalistas nun ano "especialmente rico en canto a campañas publicitarias", sinalou. "Galicia é cuna da mellor creatividade e talento" e en particular, felicitou as axencias, empresas e entidades da provincia da Coruña con nominacións nos Premios Paraugas.
Esta iniciativa "recoñece e aposta polo talento, e visibiliza o traballo que veñen desenvolvendo as empresas e profesionais de comunicación en Galicia" engadiu Cristina García. "E as 300 candidaturas presentadas a esta oitava edición dos Premios Paraugas son boa proba do nivel e do talento das nosas e os nosos profesionais".
A Deputación colabora así co Cluster da Comunicación de Galicia para poñer en valor un sector como o da comunicación e o márketing, estratéxico para o país, que é quen de demostrar o seu bo facer nas diferentes campañas e proxectos, moitos deles de referencia nacional e internacional.