A Deputación colabora co Concello de Ames para impulsar a posta en marcha de comunidades enerxéticas
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou na maña de hoxe no foro "Comunidades Enerxéticas: un paso máis cara o autoconsumo" celebrado no Concello de Ames
Formoso destaca a creación da Oficina Next Deputación, que apoia os concellos para acceder a fondos europeos Next Generation destinados a promover a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a dixitalización
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá en Ames nunha das mesas redondas do foro "Comunidades enerxéticas: un paso máis cara o autoconsumo", no que distintos expertos analizaron, tanto desde un punto de vista técnico como político, as oportunidades da transición ecolóxica e a extensión das comunidades enerxéticas como forma de abaratar o prezo da enerxía.
Formoso destacou que "o incremento da factura eléctrica en máis dun 100% desde 2004 supón un problema para familias e empresas, pero tamén para os concellos" e puxo en valor "o enorme potencial de Galicia no ámbito da produción de enerxías verdes, que é un dos eixos estratéxicos das políticas da UE".
O presidente avogou por "facer pedagoxía ante a sociedade", explicando as vantaxes e oportunidades asociadas á transición enerxética, como a creación de emprego e o abaratamento da factura eléctrica, e xunto cos alcaldes de Begonte e A Illa de Arousa, que desenvolven proxectos destas características nos seus concellos, incidiu na necesidade de "diminuír os trámites burocráticos" da administración.
O presidente provincial sinalou que a Deputación da Coruña pon a disposición dos concellos e da cidadanía a Oficina Provincial para a Transición Enerxética, onde se ofrece asesoramento enerxético á cidadanía, ás empresas e ás administracións para xestionar diversos trámites e promover accións formativas, proxectos europeos e programas destinados a mellorar o sector enerxético e favorecer a loita contra a pobreza enerxética.
Destacou tamén que a posta en marcha da Oficina Next Deputación, que ofrece apoio e asistencia técnica aos 93 Concellos da provincia para a captación de fondos Next Generation UE.
A oficina ten a súa sede na Capela, un concello rural de apenas 1.300 habitantes e desde alí "ofrecemos apoio técnico aos concellos para que poidan optar a fondos de convocatorias europeas, boa parte delas destinadas a promover a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a dixitalización", afirmou. "Un modelo pioneiro que comezamos na provincia da Coruña e que o Goberno de España quere estender agora a outras comunidades".
Apoio á OTC de Ames
Formoso destacou o apoio que a Deputación da Coruña prestará á Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) do Concello de Ames vai máis alá de participar no financiamento do proxecto e constitúe "unha aposta por un modelo de transición enerxética que vai definir o futuro da provincia".
En vindeiras datas a Deputación da Coruña vai dispoñer dun equipo de traballo no Concello de Ames para fomentar a participación da administración local e da cidadanía na transición enerxética, apoiando as iniciativas creadas a nivel local e deste xeito poñer en marcha comunidades enerxéticas.
As comunidades enerxéticas na actualidade sitúanse como alternativas de procesos participativos, incorporando mecanismos de escoita activa e ferramentas de colaboración cidadá e innovación social, brindando unha oportunidade única para transformar o mercado enerxético, facéndoo máis resiliente e satisfacendo as necesidades da cidadanía, do tecido produtivo e da propia administración.
Estas organizacións tamén teñen impacto na xeración de emprego en empresas instaladoras locais e permiten que as empresas socias sexan máis competitivas por reducir custos. Por outro lado, as familias socias van ver reducida a súa factura enerxética e polo tanto van dispoñer de máis presuposto para gastar nos negocios do territorio. Todo isto facilita a fixación de persoas no rural da provincia e permite crear unhas comunidades máis sostibles económica e socialmente.
O proxecto no que colaboran a Deputación da Coruña e o Concello de Ames ten que sentar as bases dun modelo replicable en diferentes partes do territorio para lograr a transición enerxética que se merece a provincia.