O vicepresidente Xosé Regueira entrega o Premio Iniciativa Emprendedora de AJE Coruña
A entidade provincial colabora coa asociación empresarial para a celebración da XXIV Edición dos Premios Emprende
Regueira entregou o premio a Ceus World, que desenvolve unha app para favorecer a comunicación directa entre bañistas e socorristas
Na súa intervención, o vicepresidente fixo referencia ao Plan de Emprego Local da Deputación, que conta cunha dotación de máis de 25 millóns de euros
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou na Gala da XXIV Edición Premio Emprende de AJE Coruña, onde entregou o Premio Iniciativa Emprendedora a Ceus World, que se dedica a protexer e salvagardar a vida das persoas en espazos acuáticos naturais mediante a súa app CEUS APP, permitindo unha comunicación eficaz e directa entre bañistas e socorristas.
Regueira parabenizou a empresa galardoada, e tamén a AJE pola iniciativa, destacando que "somos unha provincia de talento, creatividade, cun capital humano disposto a traballar e a crear oportunidades". Neste sentido, fixo referencia ao Plan de Emprego Local da Deputación. "Fomos máis aló das nosas competencias como administración local, emprendendo – nunca mellor dito – o reto de sacar adiante un Plan de Emprego Local cunha dotación de máis de 25 millóns de euros, para contruibír á xeración de emprego e tamén premiar e destacar a iniciativa empresarial a través dos premios PEL".
A Deputación colabora, ademais, coas entidades empresariais da provincia, como a propia AJE, a través das liñas de apoio ao tecido empresarial, co obxectivo de potenciar o talento e o emprendemento da mocidade e do conxunto da sociedade coruñesa.