A Deputación leva a Culturgal os seus proxectos culturais
A área de Cultura da Deputación conta nesta edición da Feira das Industrias Culturais cun stand propio dedicado a difundir e socializar o Reino Medieval de Galicia e os proxectos culturais que se desenvolveron ao abeiro da convocatoria do 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2022-23'
A entidade provincial participa tamén con actividade propia na programación xeral da Feira, exhibindo os seus certames literarios, o concurso "Quero cantar" e o libro "A cultura é un dereito"
A deputada destacou na inauguración a diversidade cultural do país e o escaparate que supón participar en Culturgal
Os proxectos culturais da Deputación da Coruña chegan ao escaparate de Culturgal, que se celebra este fin de semana en Pontevedra. A entidade provincial conta cun stand propio na Feira das Industrias Culturais dedicado a difundir e socializar o Reino de Galicia tanto a través de materiais gráficos creados adhoc para esta ocasión, como amosando o resultado de varios dos proxectos premiados na convocatoria do 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2022-23'.
A área de cultura da Deputación tamén exhibirá os seus certames literarios, o concurso "Quero Cantar" e o libro "A cultura é un dereito". Así, o venres 1, ás 16h no Espazo Libro, a deputada presentará os certames literarios; o sábado ás 12:30 na aula 6 haberá unha presentación do libro "A Cultura é un dereito. Unha visión social da Cultura" e, ás 16h, no Espazo Infantil, terá lugar un concerto a carto das bandas e artistas que participan no certame 'Quero Cantar'.
A deputada de cultura, Natividad González, destacou na inauguración da Feira, "o maior escaparate da produción cultural galega", a diversidade cultural do país "cunha gran riqueza, que traspasa moitas veces a nosas fronteiras", sinalaba."Temos unha industria cultural que necesita de todos nos para poñela en valor, sobre todo desde as administracións, que temos que facer unha importante aposta para que a cultura estea moi presente na axenda política, ocupando un lugar prioritario, para que por fin sexa un dereito do cidadán".
A deputación aposta así por esta Feira, promocionando algúns dos seus proxectos culturais máis relevantes, cun stand e con actividades propias na programación xeral de Culturgal. "Desde a Deputación non queremos desaproveitar este escenario, por iso estamos presentes mostrando algúns dos nosos proxectos culturais, achegándoos ao público, que en definitiva é o verdadeiro protagonista".