Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña e o Concello de Ordes asinan o convenio para a redacción do proxecto da residencia de maiores do municipio

O presidente, Valentín González Formoso, e a concelleira de Política Social de Ordes, Susana García, asinaron o documento

A Deputación da Coruña e o Concello de Ordes asinan o convenio para a redacción do proxecto da residencia de maiores do municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a concelleira de Política Social de Ordes, Susana García , asinaron esta mañá o convenio para a redacción do proxecto da residencia de maiores que a institución provincial financiará no municipio. Ao acto asistiron tamén o alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal.

No texto especifícase a posta da disposición dos terreos por parte do Concello de Ordes, así como unha achega económica de 38.500 euros por parte da Deputación para financiar tanto o proxecto técnico como o estudo xeotécnico.

O texto especifica que "a raíz do estudo realizado pola Deputación para a diagnose e plan de acción en materia de servizos sociais na provincia, detectouse unha eiva significativa de dotacións destinadas a maiores, especialmente de tipo residencial. As residencias existentes no territorio non responden á demanda real, ademais de ser en moito casos de titularidade privada"

Sinálase ademais que "froito do sistema existente, moitos maiores vense lonxe do seu entorno, ao non existir recursos próximos, fomentando o desarraigo e unha imposibilidade de seguir vinculados ao núcleo familiar, ocasionando episodios de soidade non desexada" e que "a pandemia puxo de manifesto a necesidade doutro modelo residencial, de menor escala", en consonancia "cos modelos observados noutros países europeos":

Residencias en Rianxo, Ordes e As Pontes

Froito desa necesidade nace a vontade da Deputación de facer un proxecto piloto para a redacción dos proxectos básicos de tres residencias de carácter comarcal, en localizacións escollidas polo seu devalo demográfico. Do estudo realizado concluíuse que as localizacións idóneas para este proxecto piloto de residencias son Ordes, As Pontes de García Rodríguez e Rianxo, municipios nos que a Deputación desenvolverá tres residencias de maiores dentro deste proxecto, cun investimento previsto de 6 millóns de euros.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X