Cuarta edición de BookFaceFriday
Xa completamos o cuarto ano facendo recomendacións e animación á lectura por medio desta iniciativa, e xa se pode ver o resultado.
Igual que fixemos outros anos, para os novos seguidores que aínda non saibades de que vai o proxecto, contámosvos un pouco en que consiste este movemento a nivel mundial, que comezou alá polo 2014 en Twitter e Instagram a iniciativa da Biblioteca Pública de Nova York.
Co cancelo #bookfacefriday, todos os venres bibliotecas de diversos lugares do mundo coinciden en publicar recomendacións de libros dos seus fondos dun xeito orixinal, que consiste en seleccionar a portada e completala e ambientala con persoas e escenarios reais.
A Biblioteca provincial da Deputación da Coruña adheriuse en novembro de 2019, contando cada vez con máis persoas adeptas e seguidoras que están a desexar que chegue o venres para saber con que imos sorprender desta vez.
Este pasado novembro de 2023, completamos xa outro reto de publicar 52 fotografías (1 por semana) que permitan atraer a novas persoas lectoras, e sobre todo incitar a todo o público que as vexa a ver a literatura con outra ollada e interesarse polos argumentos dos libros que recomendamos, que procuramos que sexan do máis variado, pero tamén relacionados con datas sinaladas ou especiais.
Con esta exposición queremos novamente dar visibilidade, máis aló das redes sociais, ás recomendacións literarias de todo o ano. Agardamos poder inspirar novas ideas de lectura, especialmente para a fin de semana, xa que se publican todos os venres.
Podedes ver a compilación das imaxes na exposición visitable no vestíbulo da Biblioteca en horario de apertura, de balde. Ou ben podedes acceder aquí ao catálogo: Cuarta edición BookFaceFriday. Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña