Estás en:Emprego Novas

A Deputación inviste 80.000 euros na mellora do equipamento do Centro de Desenvolvemento Rural A Fusquenlla

Formoso asinou o convenio de colaboración xunto co alcalde de San Sadurniño, Secundino García

O centro, especializado na transformación de produtos agrícolas de cercanía, é un once espazos da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación

A Deputación inviste 80.000 euros na mellora do equipamento do Centro de Desenvolvemento Rural A Fusquenlla

A Deputación da Coruña destina un total de 80.000 euros a financiar a mellora do equipamento do Centro de Desenvolvemento Rural da Fusquenlla, xestionado coa colaboración dos concellos de Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño.

O presidente da entidade provincial, Valentín González Formoso, a deputada de Emprego e Industria, Rosa Ana García, e alcalde de San Sandurniño, Secundino García, asinaron o convenio no que se fundamenta o proxecto, que ten como fin promover o emprendemento e o emprego no sector primario e establecer medidas efectivas para loitar contra o despoboamento rural. O orzamento total da actuación ascende a 167.963 euros, dos que a Deputación achega o 47,63 %.

O proxecto, enmarcado no Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, pretende mellorar o equipamento co que conta o centro para a transformación de produtos de horta e froita, de cara a ampliar a gama de elaboracións que se desenvolven nel en función das necesidades e demandas detectadas polas persoas produtoras usuarias, tanto na zona de horta e fruticultura, como apicultura. Con isto acádase un incremento da capacidade, da produción e da calidade dos produtos finais.

Esta nova dotación inclúe elementos para a mobilización de cargas, como un apilador ou unha traspaleta, mangueiras para levar o mel da parte alta do centro á baixa e de mobiliario de traballo como mesas ou bancos.

Ademais, instalarase un conxelador, un secadoiro e un limpador para obter pole, así como equipos para favorecer a maduración do mel previamente ao seu envasado.

Na área destinada ás elaboracións con produtos de horta e froita as dúas intervencións fundamentais van ser a adquisición dun autoclave e dunha tixola basculante, que permiten facilitar o traballo, aumentando a produtividade, a seguridade e a prevención de riscos.

Con destino ao tratamento de froita, vanse adquirir un muíño, unha licuadora e un pasteurizador de tamaño medio. Con respecto aos produtos de horta, instalarase tamén unha centrifugadora e unha deshidratadora, co cal se ampliará a gama de produtos que se poderán elaborar no centro. Aquí tamén se inclúe o mobiliario xeral, con novas mesas de traballo.

Desde o punto de vista xeral e para a área de servizos comúns, adquiriranse novos reloxos, andeis para o almacenaxe e unha impresora. Por último, incluirase un variador para obter corrente trifásica, mellorando o rendemento das máquinas.

Con este novo equipamento o coworking da Fusquenlla terá o material necesario para satisfacer as necesidades das persoas produtoras que cada día desenvolven o seu traballo nesta instalación, fomentando o emprego na zona e a promoción dos produtos locais.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X