A Deputación da Coruña publica a resolución das súas axudas para autónomos
Publicada no BOP a concesión de 220 axudas adicionais do PEL-Autónomos, que se suman ás 713 xa aprobadas en xullo
A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión complementaria da liña PEL-Autónom@s do Plan de emprego local, que ten por obxecto sufragar parte das cotas da Seguridade Social das persoas autónomas naqueles meses que xa non perciben outras axudas, bonificacións, nin reducións.
Un total de 220 persoas solicitantes, que non resultaron beneficiarios/as das axudas de PEL-Autonóm@s na concesión publicada o pasado 18 de xullo por falta de crédito, recibirán agora ata 2.400 euros para sufragar as súas cotas de autónomos correspondentes á anualidade 2023, a razón de 200 euros por mes xustificado
A liña PEL-Autónom@s, dotada inicialmente cun millón de euros foi suplementada para a primeira concesión con 648.400 euros, aos que agora se suman outros 522.400 euros, co que o programa alcanza este ano un orzamento total de preto de 2,2 millóns de euros. As axudas do programa benefician este ano a un total de 933 profesionais autónomos que teñen a o seu domicilio fiscal nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.
A listaxe completa desta concesión complementaria de PEL-Autónom@s 2023 pode consultarse na seguinte ligazón:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/12/22/2023_0000010037.html