A Deputación da Coruña adxudica por 397.000 euros a construción dun aparcadoiro de 395 prazas en Balarés
Trátase dunha actuación branda, respectuosa co contorno, onde predominarán as zonas verdes e ten como obxectivo ordenar o tráfico e o estacionamento de vehículos e garantir a seguridade viaria dos veciños e as numerosas persoas que visitan a praia e a área de lecer
A Deputación da Coruña adxudicou por 396.800 euros as obras de construción dun aparcadoiro con 395 prazas no entorno de Balarés, termo municipal de Ponteceso.
As obras teñen como obxectivo ordenar o estacionamento de vehículos, liberar o tráfico e garantir a seguridade da veciñanza e dos numerosos visitantes que rexistra a praia, o pinar e a zona de lecer próxima, especialmente durante a época estival.
A obra de construción do aparcadoiro, que comezará a principios de 2024, consistirá nunha intervención branda, perfectamente integrada no entorno ambiental da zona, nunha parcela de máis de 30.000 metros cadrados adquirida pola Deputación e sen afeccións ambientais para o proxecto que se pretende levar a cabo, que eliminará os vehículos que ata agora estacionaban nos laterais da vía principal de entrada á praia, ocasionando dificultades nos accesos e problemas de seguridade.
O novo aparcadoiro contará con 395 prazas, 4 delas para persoas con mobilidade reducida, vías de 5 metros de ancho e vía principal de acceso de 7 metros. O pavimento estará composto por formigón con ocos recheos de terra sobre os que se dispón céspede. Isto permitirá unha resistencia maior para soportar o peso dos vehículos e, ao mesmo tempo unha superficie verde cunha permeabilidade do 90%. Usaranse técnicas de drenaxe urbana sostible e disporanse árbores autóctonas no espazo.
As obras inclúen ademais a construción dunha senda peonil de 116 metros de lonxitude e 2 metros de ancho, delimitadas a ambos lados por travesas de madeira, cunha pasarela-ponte de 4,5 metros para salvar o leito natural do regato existente na zona.
O proxecto pretenden mellorar a seguridade e comodidade tanto dos veciños coma das numerosas persoas que visitan a praia e a área de lecer, especialmente durante o verán e que estaban ocasionando problemas de tráfico, de aparcamento e de seguridade.