Cultura da Deputación apoia a conmemoración dos 100 anos da Casa Núñez
A deputada de cultura, Natividad González, asinou un convenio de colaboración coa Fundación Centro Internacional da Estampa Contemporánea – CIEC
A entidade provincial fai unha achega de 36.000€ para cofinanciar a programación de actividades do centenario da súa sede, a Casa Núñez
A área de cultura da Deputación, liderada pola deputada Natividad González, apoia o programa de actividades desenvolvidas no eido do centenario da Casa Núñez, seda da Fundación CIEC, cunha achega de 36.000€. Así o recolle o convenio que asinou a deputada de cultura coa Fundación.
"A Casa Núñez é historia, patrimonio e cultura, de Betanzos e de todo o país," apuntou a deputada, "e unha excepcional mostra do gran traballo do artista, que serve tamén de escaparate para as obras de artistas emerxentes e tamén de outros xa consagrados". A labor da Fundación CIEC referenda esta aposta, "cunha intensa programación que vai máis aló do seu centenario, e que sitúa a Betanzos no epicentro mundial da arte gráfica".
Con motivo da conmemoración dos 100 anos deste emblemático edificio, a Fundación CIEC organiza unha serie de actividades extraordinarias, que contan co apoio da Deputación, como visitas guiadas á casa, concertos, ou edición de gravados sobre o edificio, que se suman á programación de cursos anuais.
"Dende a área de cultura da Deputación, contamos cunha importante liña de apoio á creación artística nas súas diferentes disciplinas, como a arte gráfica", engadiu a deputada. Un apoio que se reflicte na colaboración coa Fundación CIEC para o desenvolvemento de diferentes iniciativas anuais, como o Premio Internacional "Jesús Núñez" de Arte Gráfica, entre outras.