Formoso pon a CLUN como exemplo de economía social: “É o modelo ao que debemos aspirar en Galicia”
O presidente visitou esta mañá en Ames a maior cooperativa láctea de Galicia acompañado pola deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, e o alcalde, Blas García
Afirmou que a cooperativa é referencia "de calidade, de innovación e de compromiso co rural cun modelo que nace da unión dos propios gandeiros"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe en Ames a sede central e a fábrica de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), a maior cooperativa láctea de Galicia e a maior cooperativa galega en transformación de alimentación de vacún.
Acompañado da deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, e o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de promoción económica do municipio, Ana Paz, o presidente mantivo unha reunión coa dirección da cooperativa, encabezada polo presidente, José Ángel Blanco Purriños, e o director xeral, Juan Gallástegui, e visitou despois as instalacións da factoría, onde se producen leite UHT, nata, queixos, manteiga, iogures e outros derivados lácteos das marcas Feiraco, Unicla ou Clesa que chegan a toda España e a máis de 60 países en todo o mundo.
Formoso puxo a CLUN como exemplo de empresa de economía social: "É o modelo ao que debemos aspirar en Galicia. Unha referencia de calidade, de innovación e, sobre todo, de compromiso co rural cun modelo que nace desde abaixo, da unión dos propios gandeiros, e que aporta valor en cada elo da cadea" desde a recollida do leite á súa transformación e comercialización, afirmou o presidente, que subliñou os máis de 3.000 socios de CLUN e os 420 empregos directos que xera teñen un impacto moi positivo no rural da provincia da Coruña.
O presidente tamén destacou que as instalacións da cooperativa "están á vangarda tecnolóxica e comercialmente" e reivindicou a necesidade de apoiar iniciativas como esta, que xeran riqueza e inciden positivamente no rural galego, xa que o leite de CLUN procede na súa totalidade das granxas dos seus socios gandeiros, situadas en trinta concellos das comarcas de Santiago, Odres, Arzúa, Melide e a Mariña lucense.
A importancia do sector lácteo en Galicia
Galicia é o maior produtor de leite de España, producindo case tres millóns de toneladas, o 41 % do leite do país. É líder tamén no número de instalacións a nivel estatal, xa que o 56 % das explotacións concéntranse en territorio galego.
A provincia da Coruña mantén o seu liderado tamén na produción de leite en Galicia e España, cun incremento do 18 % nos últimos anos.
A modernización no sector nos últimos tempos sitúano, ademais, como referente en calidade e innovación.