A Deputación inviste este exercicio 753.000 euros nos gastos de persoal técnico dos servizos municipais de cultura
63 concellos e outras entidades locais recibirán subvencións de entre 6.666 e 18.750 euros
A Deputación da Coruña investirá 752.863 euros no programa de subvencións a concellos e outras entidades locais para financiar os gastos de persoal técnico nos servizos municipais de cultura en 2024. Son 63 os beneficiarios das axudas, que recibirán entre 6.666 e 18.750 € para o mantemento tanto dos postos de traballo de técnicas e técnicos en xestión cultural coma en animación sociocultural.
«Un ano máis», salienta a deputada de Cultura, Natividade González, «seguimos contribuíndo a que as entidades da provincia acaden os obxectivos que lles son propios e a fomentar a participación da cidadanía nos distintos ámbitos de actuación, así coma a promover a igualdade de xénero».
«Con esta liña de subvencións», explica González, «o departamento provincial de Cultura busca definir un marco que sirva para cumprir con dous obxectivos: dun lado, contribuírmos ao mantemento e á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo xa existentes nos concellos. E, doutro, definirmos requisitos, coñecementos formativos, funcións e categorías profesionais para aqueles casos nos que os concellos procedan á creación de novos postos de traballo. E facémolo sempre desde o necesario respecto á autonomía municipal á hora de desenvolver os procedementos de contratación».
A relación dos 63 concellos e entidades locais e o importe da axudas que recibirá cada un deles publicouse no BOP do 29 de xaneiro, que pode consultarse e descargarse na seguinte ligazón: i.gal/tP7cv