A Deputación da Coruña financia 400.000 horas de axuda no fogar e contrata a 178 profesionais da área social nos concellos da provincia
Nos concellos da comarca de Compostela, a Deputación financia 91.314 horas de axuda no fogar e contrata a 53 profesionais da área social
O presidente e o alcalde Padrón demandan un maior investimento da Xunta para colaborar cos concellos no financiamento da atención á dependencia e os servizos de axuda no fogar
Formoso reuniuse en Padrón coas traballadoras de axuda no fogar de destacou "o seu labor esencial coidar dos nosos maiores nos concellos máis pequenos e rurais, para permitirlles ter unha vellez digna e tranquila, seguir vivindo nas súas casas e favorecer tamén a conciliación laboral das familias
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, acompañados polo alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca, e membros do goberno municipal visitaron hoxe o Edificio de Servizos Sociais da localidade para coñecer o seu funcionamento e os programas municipais que, no eido social, contan co apoio económico da Deputación.
Durante a visita, Formoso mantivo un encontro cun grupo de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do municipio, no que se interesou polo seu traballo diario e as súas condicións laborais.
O presidente provincial agradeceu e destacou a importancia do traballo que realizan, "un servizo esencial para coidar dos nosos maiores nos concellos máis pequenos e rurais, para permitirlles ter unha vellez digna e tranquila, seguir vivindo nas súas casas e favorecer tamén a conciliación laboral das familias".
Formoso destacou o compromiso da Deputación con este eido e reclamou un maior investimento por parte da Xunta de Galicia, que ten as competencias en materia de política social e atención á dependencia. "As achegas por parte da Xunta son escasas para soster o sistema de dependencia, que é o cuarto pilar do estado de benestar, do que dependen tantos miles de familias en Galicia", afirmou. "Somos conscientes de que non pode haber unha residencia de maiores en cada concello, pero sí un servizo de axuda no fogar que permita ter unha cobertura e atención digna para os nosos maiores".
O alcalde, Anxo Rei, lembrou que fronte aos 18.000 millóns de euros de orzamento da Xunta, o Concello de Padrón ten só 10 millóns. "Parece claro que a Xunta debería facer un maior esforzo para sufragar estes gastos do ámbito social", afirmou o alcalde, que considerou necesaria unha residencia de maiores no municipio que dea servizo tamén aos municipios veciños.
A Deputación vén de publicar no BOP o Plan de Servizos Sociais Comunitarios 2024, cun investimento de 8,3 millóns de euros, que permitirá cofinanciar cos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia a prestación dun total de 395.804 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a contratación de 178 profesionais especializados no ámbito social para atender as necesidades das persoas máis vulnerables.
No caso da comarca de Compostela, a Deputación financia 91.314 horas de SAF e contrata a 53 profesionais da áreas social nos 24 concellos da área con menos habitantes. Padrón, Ordes e Santa Comba son os concellos que contan con máis profesionais contratados, cun total de catro en cada municipio; mentres que os concellos con máis horas de axuda no fogar cofinanciada pola Deputación nesta comarca son Melide (7.643 horas/ano), Oroso (6.750 horas), Padrón (5.522) e Ordes (5.500).
O presidente da Deputación destacou que "a Deputación reforzou nos últimos anos este programa que fai posible mellorar a calidade de vida de miles de persoas e que toda a cidadanía teña acceso a servizos sociais profesionais, incluso nos concellos máis pequenos", afirmou.
Axuda a domicilio
A demanda de servizos de axuda no fogar incrementouse notablemente nos últimos anos. A Deputación financiará durante 2024 un total de 395.804 horas deste servizo, unha prestación esencial para a atención de maiores nos pequenos concellos. coruñeses A cifra supón un incremento de 120.000 horas con respecto a 2020.
Ademais, a través doutros programas provinciais como o POS Social, creado durante a pandemia, os concellos poden incrementar os fondos que destinan a financiar a axuda no fogar.
En 2024, a Deputación financiará 67.342 horas de SAF nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, 50.034 nos do Barbanza, 75.151 nos de Bergantiños e Costa da Morte, 11.961 nos da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 91.314 nos de Santiago.
O programa financia a contratación de 178 profesionais do eido social
O programa de servizos sociais tamén permitirá a contratación de 178 profesionais especialistas do eido social. Persoal que cada día atende a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.
O programa financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.
Estes ano, a Deputación financiará a contratación de 37 profesionais nos concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca da Coruña, 19 na comarca do Barbanza, 35 na de Bergantiños-Costa da Morte, 34 nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 53 na comarca de Compostela.
COMARCA DE SANTIAGO | PROFESIONAIS CONTRATADOS | HORAS AXUDA NO FOGAR | INVESTIMENTO DA DEPUTACIÓN |
ARZÚA | 2 | 2.000,00 | 55.000,00 |
A BAÑA | 2 | 2.320,00 | 67.840,00 |
BOIMORTO | 2 | 4.000,00 | 88.000,00 |
BOQUEIXÓN | 2 | 1.300,00 | 52.667,40 |
BRIÓN | 2 | 1.800,00 | 65.600,00 |
DODRO | 2 | 5.040,00 | 100.480,00 |
FRADES | 1 | 2.000,00 | 42.000,00 |
MELIDE | 2 | 7.643,00 | 131.716,00 |
MESÍA | 2 | 5.100,00 | 101.200,00 |
NEGREIRA | 3 | 2.500,00 | 97.300,00 |
ORDES | 4 | 5.500,00 | 146.000,00 |
OROSO | 2 | 6.750,00 | 121.000,00 |
PADRÓN | 4 | 5.522,40 | 146.268,80 |
O PINO | 1 | 2.928,00 | 61.136,00 |
ROIS | 2 | 5.000,00 | 104.000,00 |
SANTA COMBA | 4 | 3.500,00 | 115.600,00 |
SANTISO | 1 | 3.000,00 | 58.000,00 |
TEO | 3 | 4.680,00 | 114.160,00 |
TOQUES | 1 | 3.600,00 | 54.200,00 |
TORDOIA | 3 | 1.600,00 | 68.200,00 |
TOURO | 2 | 3.000,00 | 76.000,00 |
TRAZO | 2 | 3.500,00 | 82.000,00 |
VAL DO DUBRA | 2 | 3.840,00 | 86.080,00 |
VEDRA | 2 | 5.191,21 | 102.294,52 |
TOTAL COMARCA | 53 | 91.314,61 | 2.136.742,72 |