Estás en:Emprego Novas

A Deputación abre a convocatoria da Rede Cultural 2024 cun orzamento de case 2 millóns

O prazo para que artistas, empresas e compañías inscriban os seus espectáculos estará aberto entre o 31 de xaneiro e o 16 de febreiro, e os concellos e entidades poderán presentar as solicitudes de actuacións do 3 ao 17 de abril

Os espectáculos que se seleccionen nos catro programas do catálogo celebraranse no ámbito territorial da provincia da Coruña ata o 31 de marzo de 2025

A Deputación abre a convocatoria da Rede Cultural 2024 cun orzamento de case 2 millóns

Artistas, empresas e compañías teñen desde o 31 de xaneiro ata o 16 de febreiro para inscribiren os seus espectáculos na Rede Cultural 2024 da Deputación da Coruña. O prazo para que os concellos e entidades presenten as solicitudes de actuacións estará aberto do 3 ao 17 de abril. As resolucións de adxudicacións comunicaranse nunha terceira fase: antes do 10 de maio de 2024, no caso dos concellos, e antes do 30 de maio, no caso das entidades, que só se poderán acoller ao programa 'Alicerce'. O período de celebración de actuacións estenderase ata o 31 de marzo de 2025.

A institución provincial investirá este exercicio 1.975.000 euros nun programa que nos últimos anos se consolidou como o circuíto de programación cultural máis sólido e estable de Galicia e que aposta pola difusión e a promoción da música, o folclore, o teatro, a danza, o cine e as demais manifestacións artísticas.

No caso dos concellos, a achega provincial irá dos 10.000 aos 26.000 euros (entre o 30 % e o 75 %), dependendo das solicitudes presentadas e do número de habitantes. No caso das entidades, a Deputación financiará entre o 50 % e o 70 % do importe de cada espectáculo do programa 'Alicerce' e fixará cachés de entre 310 e 3.000 euros por actuación, dependendo do número de membros dos grupos.

Como en anteriores convocatorias, o catálogo da Rede Cultural estará formado nesta edición por catro programas: Escena ao vivo!' (espectáculos profesionais de teatro, música, monicreques, maxia, danza e circo; para concellos), 'Visións' (cinema e contidos audiovisuais; para concellos), 'Lingua a escena!' (espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega; para concellos) e 'Alicerce' (reservado a espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais; para concellos e para entidades entidades sen fins de lucro da provincia que teñan entre os seus fins a promoción da cultura).

A Rede Cultural da Deputación apoiou en 2023 un total de 1.220 espectáculos en 91 dos 93 concellos da Coruña, cunha achega final de algo máis de 1,5 millóns. «A Rede Cultural», sinala a responsable provincial de Cultura, Natividade González, «é un espazo de programación artística que ten como obxectivo principal garantir unha oferta diversificada e de calidade nos municipios da provincia. Oriéntase, polo tanto, a favorecer a capacidade dos concellos coruñeses para desenvolveren propostas culturais para a súa veciñanza». «A Deputación», engade, «levou a cabo nos últimos anos un importante esforzo económico no que se refire ao crecemento dos orzamentos da Rede, que pasaron dos 956.932 euros que se destinaban en 2014 aos case dous millóns que se destinarán en 2024».

As bases da convocatoria publicáronse no BOP do 30 de xaneiro e poden consultarse e descargarse na seguinte ligazón: Bases.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X