Formoso anima os autónomos a optar ás axudas da Deputación da Coruña para este colectivo
O presidente reuniuse con asociacións de profesionais autónomos e do transporte para escoitar as súas propostas e atender as súas demandas
Ata o 22 de febreiro está aberto o prazo de solicitudes do PEL, con axudas que poden chegar aos 45.900 euros
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto coa deputada de Industria, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García; e persoal técnico Plan de emprego local (PEL) da Deputación, reuniuse cos presidentes/as e vicepresidentes/as da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE), da Asociación Coruñesa de Transportes Discrecionais e Especiais (ACOTRADES) e da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (FEGATRAMER).
Formoso destacou que o sector dos autónomos "é clave para a economía galega, xa que xera o 20% do total de empregos, pese ao cal o número de profesionais autónomos non deixa de baixar en Galicia nos últimos anos". "Perdemos 12.000 autónomos desde 2016", afirmou Formoso, "uns datos que evidencian a necesidade de accións que axuden a reverter esa situación apoiándoos no desenvolvemento dos seus negocios, xa que constitúen un dos motores do emprego na nosa comunidade".
O presidente informou ás asociacións de autónomos que ata o 22 de febreiro está aberto o prazo de solicitude das diferentes liñas de axudas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, cun orzamento total de 8,2 millóns de euros destinados a apoiar a contratación de persoal, o financiamento de novos investimentos que melloren a competitividade dos pequenos negocios e a sufragar os custos das cotas á Seguridade Social dos profesionais autónomos con axudas que poden alcanzar os 45.900 euros.
As persoas autónomas poden solicitar unha axuda de ata 2.400 euros para sufragar un ano de cotas á Seguridade Social, é dicir, 200 euros por cada mes de cota subvencionable, pero poden optar tamén a outras liñas do PEL.
O presidente sinalou que as axudas específicas para autónomos son, desde a súa creación, a liña con maior número de solicitudes das axudas do Plan de Emprego da Deputación.
Peticións dos autónomos
Pola súa banda, os representantes dos colectivos de autónomos resaltaron a difícil situación que están a atravesar varios sectores por falta de persoal, como o da hostalería, o da construción e, especialmente o sector do transporte, para o que solicitaron colaboración das administracións en cuestións como a formación de condutores de transporte de mercadorías.
As asociacións de autónomos e transportistas realizaron unha serie de propostas, como a de ampliar as axudas aos autónomos societarios e a aqueles que conten con máis de 5 anos de actividade empresarial. A Deputación comprometeuse a valorar estas cuestións de cara a futuras convocatorias e a continuar apoiando aos e ás profesionais autónomos, especialmente a aqueles que desenvolvan a súa actividade empresarial nas zonas rurais da provincia.
Formoso destacou que a Deputación considera vital o papel dos autónomos nas economías dos concellos rurais. É por iso que a Deputación da Coruña está a articular diferentes medidas dirixidas a concellos, empresas e á poboación en xeral onde o factor da poboación do municipio é determinante.
Neste contexto, a liña PEL-Emprende Investimento 2024, que nas convocatorias anteriores ía dirixida a persoas autónomas e pequenas empresas con domicilio fiscal en calquera concello da provincia da Coruña e unha antigüidade máxima de cinco anos, pasa a dirixirse exclusivamente a autónomos/as e pemes de concellos de menos de 10.000 habitantes e suprímese a esixencia de antigüidade co fin de dar resposta ao reto demográfico e contribuír ao asentamento e modernización dos negocios do rural, impulsando a creación de emprego e actividade económica nos concellos máis pequenos da provincia.