A Deputación da Coruña financia 75.151 horas de axuda no fogar e contrata a 35 profesionais da área social nos concellos de Bergantiños e Costa da Morte
En toda a provincia, a institución provincial financia preto de 400.000 horas de axuda no fogar e contrata a 178 profesionais
O presidente demanda un maior investimento da Xunta para colaborar cos concellos no financiamento da atención á dependencia e os servizos de axuda no fogar
Formoso reuniuse en Vimianzo co equipo técnico dos servizos sociais municipais e destacou o traballo que realizan servizos como o de axuda no fogar "no coidado dos nosos maiores nos concellos máis pequenos e rurais, para permitirlles ter unha vellez digna e tranquila, seguir vivindo nas súas casas e favorecer tamén a conciliación laboral das familias"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado pola alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e membros do goberno municipal, visitou hoxe o Concello de Vimianzo e mantivo un encontro co equipo técnico dos servizos sociais municipais. O presidente provincial destacou o traballo de servizos como o de axuda no fogar (SAF) e interesouse polo labor diario que desenvolve o seu persoal e as súas condicións laborais.
"Trátase dun servizo esencial para coidar dos nosos maiores nos concellos máis pequenos e rurais, para permitirlles ter unha vellez digna e tranquila, seguir vivindo nas súas casas e favorecer tamén a conciliación laboral das familias", valorou.
Formoso salientou o compromiso da Deputación con este eido e reclamou un maior investimento por parte da Xunta de Galicia, que ten as competencias en materia de política social e atención á dependencia. "As achegas por parte da Xunta son escasas para soster o sistema de dependencia, que é o cuarto piar do estado de benestar, do que dependen tantos miles de familias en Galicia", afirmou.
Criticou tamén o "infrafinanciamento" dos servizos sociais por parte da Xunta de Galicia e lembrou que a Deputación "achega máis por un auxiliar administrativo que a Xunta por un traballador ou traballadora social, o cal é indignante, ademais de enviar unha mensaxe de falta de valoración dos profesionais".
Mónica Rodríguez explicou, pola súa banda, que, no caso do servizo de axuda no fogar, "o Concello e a Deputación achegan máis do 50 % do que dá a Xunta de Galicia, sendo a súa competencia". A alcaldesa mostrou o seu "agradecemento infinito" á Deputación, sen a que, asegurou, non sería posible eliminar a listaxe de espera na libre concorrencia do servizo, porque "a Xunta de Galicia nos dá cero", dixo antes de reclamarlle á Administración autonómica "que se tome isto en serio".
A Deputación vén de publicar no BOP o Plan de Servizos Sociais Comunitarios 2024, cun investimento total de 8,3 millóns de euros, que permitirá cofinanciar cos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia a prestación dun total de 395.804 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a contratación de 178 profesionais especializados no ámbito social para atender as necesidades das persoas máis vulnerables.
No caso da comarca de Bergantiños e Costa da Morte, a Deputación financia 75.151 horas de SAF e contrata a 35 profesionais da área social nos 15 concellos da área con menos habitantes. Vimianzo e A Laracha son os concellos que contan con máis profesionais contratados, cun total de catro en cada municipio; mentres que os concellos con máis horas de axuda no fogar cofinanciada pola Deputación nesta comarca son Malpica (12.796 horas/ano), Vimianzo (10.000), Cerceda (9.000) e Zas (7.600).
O presidente da Deputación destacou que "a Deputación reforzou nos últimos anos este programa que fai posible mellorar a calidade de vida de miles de persoas e que toda a cidadanía teña acceso a servizos sociais profesionais, incluso nos concellos máis pequenos", afirmou.
Axuda a domicilio
A demanda de servizos de axuda no fogar incrementouse notablemente nos últimos anos. A Deputación financiará durante 2024 un total de 395.804 horas deste servizo, unha prestación esencial para a atención de maiores nos pequenos concellos coruñeses. A cifra supón un incremento de 120.000 horas con respecto a 2020.
Ademais, a través doutros programas provinciais como o POS Social, creado durante a pandemia, os concellos poden incrementar os fondos que destinan a financiar a axuda no fogar.
En 2024, a Deputación financiará 67.342 horas de SAF nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, 50.034 nos do Barbanza, 75.151 nos de Bergantiños e Costa da Morte, 11.961 nos da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 91.314 nos de Santiago.
O programa financia a contratación de 178 profesionais do eido social
O programa de servizos sociais tamén permitirá a contratación de 178 profesionais especialistas do eido social. Persoal que cada día atende a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.
O programa financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.
Estes ano, a Deputación financiará a contratación de 37 profesionais nos concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca da Coruña, 19 na comarca do Barbanza, 35 na de Bergantiños-Costa da Morte, 34 nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 53 na comarca de Compostela.
SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS COMUNITARIOS 2024 | ||||
| ||||
PERSOAL CONTRATADO EN SERVIZOS SOCIAIS | HORAS DE SAF | INVESTIMENTO TOTAL | ||
COMARCA DE BERGANTIÑOS/COSTA DA MORTE |
|
|
| |
CABANA DE BARGANTIÑOS | 2 | 6.000,00 | 112.000,00 | |
CAMARIÑAS | 3 | 2.000,00 | 94.000,00 | |
CEE | 1 | 2.400,00 | 46.800,00 | |
CERCEDA | 2 | 9.000,00 | 148.000,00 | |
CORCUBIÓN | 2 | 1.100,00 | 46.900,00 | |
CORISTANCO | 3 | 3.396,00 | 106.752,00 | |
DUMBRÍA | 2 | 6.000,00 | 112.000,00 | |
FISTERRA | 2 | 1.500,00 | 61.064,00 | |
A LARACHA | 4 | 6.000,00 | 152.000,00 | |
LAXE | 2 | 3.200,00 | 78.400,00 | |
MALPICA DE BERGANTIÑOS | 2 | 12.796,00 | 193.552,00 | |
MUXÍA | 2 | 1.800,00 | 61.600,00 | |
PONTECESO | 2 | 2.359,00 | 72.308,00 | |
VIMIANZO | 4 | 10.000,00 | 204.000,00 | |
ZAS | 2 | 7.600,00 | 131.200,00 | |
TOTAL COMARCA | 35 | 75.151,00 | 1.620.576,00 |